O coach profesional Felipe García Rey salienta que a “actitude persoal é a clave” na busca de emprego
O coach profesional e instrutor Felipe García Rey salienta que “a actitude persoal é a clave” nos procesos de busca de emprego e de inserción laboral. O director do grupo Acción Consciente fixo esta afirmación no transcurso da sesión de motivación profesional ‘Véndete’, organizada pola Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo e que reuniu a uns 70 asistentes no salón de graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
Esta xornada de mellora do coñecemento persoal e profesional, que se prolongou durante tres horas ininterrompidas, foi “unha sesión de alto impacto emocional”, segundo comentou o propio instrutor, que, unha e outra vez, apelou a espertar a consciencias e as motivacións dos asistentes. Felipe García Rey sinalou asemade que, lonxe dalgunha crenzas xeneralizadas, as empresas decántanse cada vez máis por investir naquelas persoas que demostran que son capaces de cumprir coas esixencias que lles requiren. “A maioría das contratacións laborais que realizan as empresas fanse segundo criterios de coeficiente intelectual dos candidatos, mentres que os despedimentos obedecen a cuestións máis ligadas aos coeficientes emocionais”, sentenciou García Rey. O director do grupo Accións Consciente remarcou así ante os participantes na xornada ‘Véndete’ que se a formación e capacitación profesional previa son elementos importantes e precisos na busca de emprego, a motivación e a actitude persoal dos candidatos constitúen cada vez factores máis determinantes. O poñente do programa ‘Véndete’, o coach profesional Felipe García Rey, resaltou na súa intervención a importancia de afrontar o proceso de inserción laboral con optimismo, xa que, segundo defende este instrutor profesional, a motivación en clave positiva constitúe un activo tan importante como imprescindible para completar con éxito o difícil proceso de buscar emprego.