Pasar al contenido principal

A Facultade de Filosofía súmase aos actos en garantía dun ciclo formativo “completo e coherente” desa materia no ensino secundario

Ante o anteproxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, xunto coa Sociedade Galega de Filosofía, a Aula Castelao e o Grupo Doxa, súmanse ás iniciativas promovidas pola Rede Española de Filosofía (REF) en defensa desta materia no Ensino Secundario. Baixo o lema ‘Quen teme a Filosofía?’, este venres 15 fixeron entrega simbólica dun libro de filosofía e dun comunicado conxunto na Consellaría de Educación e en cada unha das xefaturas territoriais no que denuncian “o recorte máis duro e inxustificado en toda a historia da democracia española”. O citado anteproxecto elimina dúas das tres materias obrigatorias que compoñían o ciclo completo dos estudos de Filosofía en Secundaria (a ‘Educación Ético-Cívica’ de 4º de ESO e a ‘ Historia da Filosofía’ de 2º de Bacharelato) e deixa só unha (‘Filosofía’, de 1º de Bacharelato), o que supón unha redución do 66,6% do currículo. Ante isto, solicítalle ao Ministerio que a futura Lei de Educación manteña as tres materias obrigatorias nos tres últimos cursos da Educación Secundaria, “de maneira que quede garantido un ciclo formativo completo e coherente en Filosofía, academicamente equiparable ao das outras materias que foron recoñecidas pola LOMCE como troncais de Bacharelato: Lingua, Matemáticas, Historia e Inglés”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.02.2013.