Clausurouse en Dereito a Semana Xurídica Portuguesa
As facultades de Dereito das Universidades de Santiago e de Coimbra desenvolveron estes días na USC a Semana Xurídica Portuguesa, unhas xornadas bianuais de intercambio científico que se celebran alternativamente en Coimbra e Compostela e que pretenden, dun modo aberto ao estudantado, ser o escaparate das principais liñas de investigación e docencia do profesorado portugués convidado ás xornadas. O reitor Juan Casares clausurou este venres a xuntanza nunha xornada na que previamente houbo dúas conferencias sobre indemnización e sobre comercio internacional e dereitos humanos. Na xornada do xoves os relatorios xiraron arredor de cuestións relativas a dereitos de personalidade e liberdade de expresión ou a relación entre dereito e globalización, entre outros asuntos. No acto de clausura estiveron presentes ademais, o decano da Facultade de Dereito da USC, Luís Míguez Macho; o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Coimbra, Jorge Manuel Coutinho de Abreu; e a vicedecana Isabel Espín.