Pasar al contenido principal

Máis de 2.000 estudantes de secundaria de toda Galicia coñecen estes días a USC

A primeira etapa da ruta do Campus Norte achegou ao alumnado a Filoloxía e Ciencias da Comunicación. Foto: Alfonso-Servimav
A primeira etapa da ruta do Campus Norte achegou ao alumnado a Filoloxía e Ciencias da Comunicación. Foto: Alfonso-Servimav

Máis de 2.000 alumnas e alumnos de 38 centros de ensino secundario de toda Galicia visitan estes días o campus de Compostela dentro dos Encontros na zona USC 2013. Esta é unha iniciativa coa que o programa ‘A Ponte’ achegará ao estudantado de ensino medio os estudos nos que pode estar máis interesado, mostrándolle as materias coas que se van atopar así como as saídas profesionais ou posibilidades de atopar emprego, en cada ámbito. As visitas concentraranse entre este martes 19 e o próximo xoves 21. As rapazas e rapaces que acudan a Compostelán coñecerán as instalacións onde se imparte a titulación na que estean interesadas/os e mesmo asistir a unha clase co alumnado de 1º curso ou, nalgún caso, visitar laboratorios de clases prácticas. Ademais dos responsables dos centros, nas visitas participan os titores do alumnado de 1º curso que serán os encargados de dirixilos polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC. Pola tarde, existe a posibilidade de visitar o Patrimonio Histórico, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, as Residencias Universitarias e a Cidade da Cultura. Esta actividade complementarase cunha feira de titulacións que terá lugar no mes de abril no Campus de Lugo. As visitas comezaron este martes cunha serie de itinerarios simultáneos polo Campus Norte e Campus Vida. No primeiro caso, o grupo partiu da Residencia Burgo das Nacións para dirixirse ás facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación; continuando cara Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; ata rematar en Xeografía e Historia e Filosofía. O Monte da Condesa foi o punto de partida da visita ao Campus Vida, con outros oito percorridos por Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Óptica e Optometría; e Psicoloxía e Ciencias da Educación.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.02.2013.