A Fundación Barrié presenta na EPS o seu programa de 45 bolsas de posgrao no estranxeiro para 2013
A Fundación Barrié presentou este mércores, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, o seu programa de bolsas de posgrao no estranxeiro para 2013, unha convocatoria que ofrece un total de 45 bolsas, das que 30 están dirixidas a titulados universitarios interesados en completar estadías de investigación predoutoral en centros estranxeiros de prestixio, 5 son para formación de posdoutoral e as dez restantes para desenvolver estudos de másteres en centros ou universidades estranxeiras.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, aproveitou este acto para agradecer a presenza de representantes da Fundación Barrié na sede universitaria luguesa, “un campus no que nunca antes estiveran”, dixo, ao tempo que destacou “o interese dunha iniciativa que fai posible que alumnos e titulados universitarios poidan financiar a súa formación” nunha etapa de dificultades orzamentarias e de redución das achegas públicas. O director de Educación da Fundación Barrié, Antonio Varela, e a responsable do programa de bolsas da fundación, Montserrat Orta Isasi, foron os encargados de presentar ante os preto de 40 estudantes e titulados do campus de Lugo que asistiron á presentación desta nova convocatoria de bolsas da Fundación Barrié para completar estudos de posgrao, ben a través da realización de estancias predoutorais ou posdoutorais, ou cursando másteres en universidades e centros de prestixio de todo o mundo, agás en España. Varela remarcou na súa presentación que o programa de bolsas de posgrao da Fundación Barrié caracterízase “pola súa flexibilidade”, ademais de por ser o programa de bolsas con maior dotación orzamentaria de toda España. Logo de recordar o forte investimento que fai a Fundación Barrié para mellorar a formación dos bolseiros, Valera indicou que a convocatoria de bolsas de posgrao para o este ano 2013 manterá aberto o prazo para presentar solicitudes ata o próximo 31 de marzo. Os candidatos interesados en gozar deste programa de bolsas, aberto a participación de estudantes de último curso ou titulados universitarios de nacionalidade española que acrediten a súa vinculación con Galicia ben por ser galegos ou por ter completada a súa formación superior no Sistema Universitario de Galicia, poden formalizar xa a súas solicitudes de bolsas a través do formulario en liña habilitado para tal efecto na páxina web www.fundacionbarrie.org. A dotación orzamentaria das bolsas de posgrao da Fundación Barrié varía entre 1.600 e 1.800 euros mensuais, en función de tratarse de estancias predoutorais, máster ou programas posdoutorais, durante o tempo de duración do programa de formación no que estea inscrito o bolseiro. A esta contía cómpre engadir unha mensualidade a maiores para gastos de instalación no país de destino, así como outra partida fixa de 1.000 euros para gastos de desprazamento, así como os gastos do pago íntegro da matrícula.
Outro dos requisitos que a Fundación Barrié demanda aos candidatos que aspiran a ser bolseiros atinxe á presentación dunha memoria na que expliquen e argumenten as fórmulas a través das que pretenden repercutir no desenvolvemento de Galicia os coñecementos adquiridos ao longo do período de formación do que gozaron como bolseiros da Fundación Barrié.