Pasar al contenido principal

O sexto Ciclo de Teatro Comunitario explora o teatro como instrumento de innovación educativa

O Ciclo de Teatro Comunitario, co lema ‘Teatro (é) Educación’, alcanza a súa sexta edición mantendo o seu obxectivo de dar a coñecer o traballo que desenvolven diferentes grupos teatrais en Galicia e como concienciar os/as futuros/as profesionais da educación da importancia do teatro como instrumento de innovación educativa. Como en anteriores ocasións, o programa deseñado inclúe a representación de diversas obras combinado co desenvolvemento dun ciclo de conferencias que permitirá o achegamento á realidade dos grupos teatrais. En conxunto, as persoas que se matriculen coñecerán a manifestación teatral dos diferentes grupos participantes e reflexionarán sobre o significado do teatro na vida asociativa e comunitaria. Os destinatarios son alumnado, persoal da USC e a cidadanía de Compostela interesada no mundo teatral e en coñecer estratexias que axuden a dinamizar as vilas galegas. As sesións desenvolveranse os días 12 e 13 e 19 e 20 de marzo no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, organizadas pola Comisión Cultural e o Grupo de Teatro da Facultade de Ciencias da Educación e coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago, o Consello de Relacións Veciñais de Santiago, o Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia e a Rede de Investigación en Educación para a Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento. Os integrantes da comunidade universitaria que se inscriban poderán validar a súa asistencia por un crédito de libre configuración. Para formalizar a inscrición é preciso enviar a folla de matriculación antes do 28 de febreiro a nuria.pazos.hermida [at] rai.usc.es (nuria[dot]pazos[dot]hermida[at]rai[dot]usc[dot]es) xunto co DNI ou fotocopia do carnet de estudante, dependendo do colectivo do que se trate.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.02.2013.