Pasar al contenido principal

A economía circular e a xestión de residuos, a análise no campus de Lugo nos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes

Cartaz da nova sesión dos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes
Cartaz da nova sesión dos 'Xantares Biocientíficos' de BioReDes
O profesor emérito da USC Felipe Macías ofrecerá o venres 13, ás 13.00 horas, no edificio Cactus, un relatorio aberto seguido de coloquio sobre as ensinanzas da biosfera
Lugo

A economía circular e a xestión de residuos centrará este venres, a partir das 13.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo, unha nova sesión dos ‘Xantares Biocientíficos’ promovidos pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC, BioReDes.

O profesor emérito da USC, Felipe Macías Vázquez, será o encargado de guiar esta sesión orientada aos investigadores en formación, pero aberta ao público en xeral, durante a que ofrecerá o relatorio ‘Economía circular e xestión de recursos. As ensinanzas da biosfera’.

As posibilidades de aprendizaxe que depara a natureza a través da ciencia e da tecnoloxía, e o aproveitamento destes coñecementos para mitigar e, se cabe, eliminar os riscos ambientais, serán algunhas das cuestións das que falará Felipe Macías. Este profesor emérito da USC afondará na súa intervención sobre o importante cometido que desenvolven os solos na biosfera terrestre como sistema de defensa e control dos contaminantes. Así, explicará o como protexen á auga e aos organismos, a través dun conxunto de reaccións físico-químicas e bióticas, que reducen a súa mobilidade e a súa biodispoñibilidade.

A formulación de solos “á carta”, de xeito mimético á acción da natureza, coas propiedades adecuadas para resolver os diferentes problemas que afectan as augas, solos e ecosistemas que afectamos coas actividades mineiras, industriais ou de obra civil, será outro dos eixes sobre os que trate a exposición de Felipe Macías, que tamén presentará diversos casos de éxito destes solos elaboradores denominados Tecnosoles.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.