A Universidade de Santiago prorroga os seus orzamentos
O Claustro da Universidade de Santiago rexeitou este venres, por 94 votos fronte a 67, a proposta de liñas xerais dos Orzamentos de 2013, co que a Universidade prorroga as contas do anterior exercicio. As catro emendas á totalidade prosperaron nunha votación conxunta na que tamén se rexistraron 16 votos en branco. O reitor Juan Casares iniciou o seu informe valorando a recentemente aprobada Lei de Orzamentos da Xunta de Galicia, que “contempla un novo recorte que rexeitamos publicamente, como así llo manifestamos ao Goberno os tres reitores galegos”. As universidades atópanse á espera de que a administración autonómica lles aclare como implementar o recorte do 5% sobre a masa salarial “ con seguridade xurídica”, explicou, á vez que manifestou o rexeitamento ao traslado de parte dos recursos do financiamento estrutural ao financiamento por resultados. Con respecto ao informe de expertos encargado polo Ministerio de Educación o reitor subscribiu o manifestado pola CRUE –que está elaborando un documento propio que estará listo no mes de abril- en canto a que os asuntos prioritarios das universidades deben ser o financiamento e o persoal. “A negociación debe comezar por aí”, dixo. O reitor, que tamén se referiu no seu informe á capacidade financeira da USC –“lastrada ata 2020”, sinalou-, rematou a súa intervención facendo un chamamento á responsabilidade “neste difícil momento” e manifestando que “a pesar de todas as dificultades esta Universidade está logrando moitas cousas, co traballo de todos e todas, procurando non aventurarse en empresas que por ambiciosas puideran supor un quebranto económico para a USC”. Plan Estratéxico Na mesma sesión retirouse o punto da orde do día coas liñas xerais da Programación Plurianual para 2013-2014 por entenderse que parte das actuacións xa se están levando a cabo sempre no marco do Plan Estratéxico da USC 2011-2020. Neste senso, a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, lembrou que este Plan é “de modo efectivo o marco de traballo e actuación da USC” de cara ao futuro. Silva deu conta das actuacións do Plan desenvolvidas o pasado 2012, un ano “de preparación e maduración de moitas actuacións futuras” e no que se aprobaron os novos Estatutos da USC e o III Plan Estratéxico das TIC. Honoris causa
Por último, o Claustro da USC ratificou o nomeamento de tres doutores honoris causa aprobado polo Consello de Goberno. Trátase do profesor Gatze Lettinga, recoñecido científico no ámbito da enxeñaría ambiental; do catedrático de Dereito Civil das universidades de Santiago, Valencia e Autónoma de Madrid, Luis Díez-Picazo y Ponce de León; e do historiador da arte Antonio Bonet Correa.