Investigadores novos discutirán na USC acerca da filosofía da bioloxía e a ciencia cognitiva
Logo da boa acollida en pasadas edicións, a Facultade de Filosofía da USC albergará a comezos de abril o terceiro taller de investigación en filosofía da bioloxía e ciencia cognitiva. Nesta ocasión o encontro verase reforzado coa participación de líderes novos da investigación na materia como son Hong Yu Wong, da Universidade de Tubinga, e Matteo Mossio, do CNRS, algo que consolida este seminario especializado como un dos de referencia en España. Esta terceira edición, organizada polo investigador do Departamento de Lóxica e Filosofía Moral da USC Víctor Verdejo e polo da UNED Cristian Saborido, conta con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade e da USC e o patrocinio da Sociedade de Lóxica, Metodoloxía e Filosofía da Ciencia en España.