Pasar al contenido principal

Docentes de Economía Financeira e Contabilidade reciben un premio da Fundación Estudios Financieros por un traballo sobre os derivados de crédito

Luís Otero, primeiro pola esquerda, xunto a Juan José Toribio e Juan Carlos Ureta, do Instituto Español de Analistas Financeiros, no momento de entrega do premio
Luís Otero, primeiro pola esquerda, xunto a Juan José Toribio e Juan Carlos Ureta, do Instituto Español de Analistas Financeiros, no momento de entrega do premio

O artigo ‘Derivados de crédito y crisis financiera en Europa’ dos profesores de Economía Financeira e Contabilidade Luís Otero González e Luís Ignacio Rodríguez Gil acaba de ser galardoado co segundo dos Premios de Investigación da Fundación de Estudios Financieros, que en 2012 alcanzan a súa quinta edición. Os docentes da Universidade de Santiago analizan os efectos do uso dos derivados de crédito por parte da banca europea. Os autores tratan de determinar se estes derivados (produtos moi cuestionados a raíz da actual crise financeira) son unha das causas directas da crise bancaria en Europa. Con este, son xa tres os traballos dirixidos polo profesor Luis Otero nos últimos dous anos que reciben un galardón, xa que nas convocatorias de 2011 e 2012 tamén obtivera os premios do Centro de Estudios Financieros. Os Premios de ‘Investigación y Estudio’ teñen carácter anual e buscan estimular e recoñecer o labor de investigación e estudo no ámbito dos mercados financeiros, a economía, as finanzas, as institucións e entidades que prestan servizos financeiros. O xurado valorou a calidade dos traballos realizados, a orixinalidade investigadora, o seu rigor científico, o seu carácter aplicado e as achegas sobre novos contidos e solucións aos temas obxecto da investigación. Os outros traballos premiados foron ‘Income smoothing and idiosyncratic volatility’, asinado por Belén Gil de Albornoz, da Universidade Jaime I, e Garen Markarian, do Instituto de Empresa, e ‘Working capital requirement financing and Spanish SMEs performance’, cuxos autores son Sonia Baños, Pedro J. García Teruel e Pedro Martínez Solano, da Universidade de Murcia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.03.2013.