Alumnado de institutos de toda Galicia convértese por un día en físicos de partículas profesionais
O Masterclass Hands on Particle Physics desenvolve este mércores 13 unha nova sesión na Facultade de Física da Universidade de Santiago, a onde acuden máis de 60 alumnos/as de 16 centros de ensino medio de toda Galicia para familiarizarse con actividades relacionadas coa Física de Partículas ao mesmo tempo que outros estudantes de toda Europa. Esta é unha iniciativa que organiza o Departamento de Física de Partículas da USC en colaboración coa Sociedade Europea de Física e o CERN. Esta xornada de divulgación, na que o estudantado tomará parte nun simulacro da actividade científica profesional, comezou cunha recepción e proseguiu cunha serie de charlas. Pola tarde, os/as asistentes realizan practicas no ordenador a partir de datos reais do acelerador de partículas, para rematar cunha videoconferencia, que nesta ocasión porá en contacto aos participantes galegos con outros da Universidade de Frankfurt, do GSI e persoal do CERN. Con esta iniciativa quérese facilitar a aprendizaxe dos fenómenos máis fundamentais da materia e divulgar as investigacións que se realizan na actualidade mediante a colisión de partículas elementais. Os alumnos familiarízanse deste xeito con aspectos concretos deste eido da física a través do contacto con investigadores e da realización de ensaios con datos reais dos seus propios experimentos nesta disciplina. Alcance internacional A iniciativa se desenvolve de xeito simultáneo dende comezos de mes coa participación de 160 universidades e centros de investigación de 37 países que atraerán a máis de 10.000 estudantes de ensino medio. En España, esta experiencia permite que medio millar de alumnos e alumnas se convertan en físicos de partículas durante un día. Nestas xornadas, os/as participantes analizan datos reais tomados co Gran Colisionador de Hadróns (LHC). Por vez primeira, nesta edición participa estudantado de varios países de Oriente Medio.