Pasar al contenido principal

Búscase violoncellista para interpretar a Beethoven

A presentación do premio tivo lugar no Colexio de Fonseca (Foto: SERVIMAV)
A presentación do premio tivo lugar no Colexio de Fonseca (Foto: SERVIMAV)
A Universidade de Santiago e a Asociación de Violoncellistas de Galicia ‘Soncello’ convocan un concurso aberto a violonchelistas de entre 18 e 30 anos nacidos/as ou residentes en Galicia

A Universidade de Santiago e a Asociación de Violoncellistas de Galicia ‘Soncello’ convocan un concurso aberto a violonchelistas de entre 18 e 30 anos nacidos/as ou residentes en Galicia. O premio consiste na participación no ciclo ‘Música para violonchelo e piano de Beethoven’ da USC que terá lugar entre os meses de outubro e decembro de 2013. Os pormenores do premio así como do ciclo de música presentáronos aos medios de comunicación este venres 15 no Colexio de Fonseca o director e a subdirectora da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro e Mercedes Rosón, e o vicepresidente e o secretario de Soncello, Juanjo Díez e Carlos García Amigo. As persoas interesadas deberán presentar, antes do día 15 de xullo de 2013, unha gravación (en formato DVD) que conteña o primeiro e segundo movemento da Sonata op.5 nº 1 en fa maior de Beethoven (adagio sostenuto e allegro) xunto cos datos persoais (nome, enderezo, teléfonos e e-mail de contacto) e o currículo musical, así como os datos persoais e o currículo do/a pianista acompañante. Este material deberá enviarse á Área de Cultura. Vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua (Pazo de San Xerome. Praza do Obradoiro s/n. 15782 Santiago de Compostela). Con este material, farase unha preselección de finalistas que serán convocados/as a unha audición o 14 de setembro no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia). Nesta proba final interpretarase o Rondó da Sonata op.5 nº 1 máis as Variacións op.66. Deberán acudir acompañados/as de pianista. O xurado encargado de avaliar as candidaturas estará integrado por un representante da institución académica compostelá, un socio de Soncello do ámbito profesional e un representante contrastado do mundo da música. O Ciclo O ciclo no que a persoa premiada se incorporará orbita ao redor da obra para piano e violoncello de Beethoven e neste ano presentará un total de cinco sonatas e tres grupos de variacións en catro concertos no Paraninfo da Universidade. O cuarto concerto deste ciclo, no que participará a persoa que gañe a concurso, interpretará en calidade de solista doce variacións en fa maior op.66 da Frauta máxica, así como a Sonata op. 5 nº1 e un peza libre a escoller entre as dúas sonatas de J. Brahms ou unha suite para cello só de J.S. Bach. Cada un dos catro concertos conleva unha breve introdución de cariz didáctico na que os/as intérpretes explican as motivacións que os/as levaron a facer esa escolla de programa e os motivos polos que consideran que as pezas enfatizan as obras de Beethoven. Futuras colaboracións

A USC e Soncello valorarán abrir futuras vías de traballo conxunto como unha colaboración entre a Orquestra da USC e a Asociación, de xeito que se estableza o premio USC-Soncello como a oportunidade de participar na temporada seguinte como solista desta formación. Tamén se valoran outras alternativas como que a persoa que gañe o concurso execute un concerto con orquestra adaptándose ás necesidades de programación anual desta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.03.2013.