Un foro sobre os concursos de acreedores reúne 200 estudantes na Facultade de Administración e Dirección de Empresas
Unha xornada monográfica sobre os procesos concursais desenvolvida baixo o título ‘As claves do concurso de acredores: da legalidade á realidade empresarial’, congregou na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo a máis de 200 estudantes do centro universitario lugués.
A maxistrada do xulgado do Mercantil de Lugo, Ángel Galván Gallegos, foi a encargada de abrir a quenda de relatorios desta xornada, na que tamén participaron como relatores o secretario do xulgado do Mercantil de Lugo, Francisco Julián Hinojal Gijón, o auditor e administrador concursal Enrique Rodríguez Docampo, ademais do avogado e profesor da Facultade de ADE de Lugo, José Benito López Ferreiro. O contido deste foro estruturouse en catro relatorios, nos que os distintos participantes abordaron a fase común dos procesos concursais, o cometido do administrador concursal, a fase de convenio ou liquidación e a cualificación do concurso: fortuíto ou culpable, ademais de achegar a súa ampla experiencia profesional. A xornada, enfocada a ofrecer unha perspectiva positiva do concurso de acredores, serviu asemade para poñer de releve as actuacións que deben facer os empresarios que se atopan nunha situación económica adversa para que os procesos concursais rematen con convenio en non con liquidación da sociedade. Todos os relatores coincidiron en subliñar a necesidade de que todos os concursos de acredores se insten a tempo, a fin de que as solucións e as vantaxes que ofrece esta figura xurídica permitan á empresa ter marxe suficiente para continuar coa súa actividade. Os relatores destacaron tamén a o importante cometido que poden e deben desenvolver no futuro neste tipo de procesos os futuros titulados en Administración e Dirección de Empresas. Unha das conclusións acadadas neste foro, moderado pola decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, Begoña Barreiro, é que a maior parte dos procesos concursais que se instan en España rematan coa liquidación da empresa como consecuencia de presentar este proceso cando a empresa xa non albisca solución posible. Esta realidade non se aplica no resto do continente europeo, segundo sinalaron os relatores, que precisaron que en Europa a maior parte dos concursos finalizan en convenio.