Pasar al contenido principal

O Congreso da Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría celebrarase en Compostela o vindeiro mes

O XXVI Congreso da Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría celebrarase do 11 ao 13 de abril en Compostela baixo o lema ‘Profesionais ante as urxencias’ coa presenza de 200 congresistas de toda España. Os principais destinatarios/as desta acción formativa que se organiza a través da Facultade de Enfermaría da USC son os/as estudantes de diplomatura e grao, así como de doutoramento, máster, enfermeiros/as residentes e titulados/as en activo. No programa alternaranse conferencias con talleres prácticos e mesas redondas que, para comezar, abordarán as saídas profesionais, contando coa testemuña de profesionais con experiencia no eido das urxencias dende múltiples perspectivas. A xornada do 12 de abril, que tamén inclúe a testemuña dun representante de Médicos Sen Fronteiras sobre emerxencias en países en vías de desenvolvemento, estará dedicada ao desenvolvemento de múltiples obradoiros. Así, trataranse dende un enfoque práctico cuestións relacionadas coas vías aéreas e ventilación, Soporte Vital Básico en adultos e nenos/as, atención ás persoas con arritmia e desfibrilación e situacións de parto urxente. O congreso rematará coa celebración dun simulacro de catástrofe que se desenvolverá en cooperación coa Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a celebración da asemblea da Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2013.