Pasar al contenido principal

O centro de investigacións feministas e de estudos de xénero da USC dedica o seu terceiro libro á cultura da paridade

O centro de investigacións feministas e de estudos de xénero da USC dedica o seu terceiro libro á cultura da paridade
O centro de investigacións feministas e de estudos de xénero da USC dedica o seu terceiro libro á cultura da paridade

A terceira obra editada polo Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) está dedicada aos Diálogos en la cultura de la paridad, título do volume que se presentou este mércores 20 nun acto presidido polo reitor Juan Casares e que se formula a modo dunha reflexión sobre feminismo, socialización e poder. A obra pretende axudar a crear unha comunidade de diálogo eficaz entre as mulleres e homes de distintas culturas partindo das teorías feministas para analizar o pensamento das diferenzas de xénero. Así, dende diferentes enfoques teóricos e metodolóxicos, en Diálogo en la cultura de la paridad un conxunto de profesionais do ámbito universitario español e brasileiro reflexionan e proporcionan datos e argumentos sobre a produción de diferentes identidades de xénero, construídas dende a singularidade europea e dende a latinoamericana, coas súas diferenzas e peculiaridades. Comeza a obra a profesora Rita Radl cun traballo que serve para enmarcar o estatus epistemolóxico particular do coñecemento das mulleres e do xénero dende unha visión actual. Así, partindo da concepción de neutralidade axiolóxica analiza as orixes do movemento feminista para profundar na temática dos estudos e o coñecemento das mulleres na universidade. En experiencias concretas de socialización, a obra presenta reflexións respecto dos diversos niveis educativos, comezando co ciclo 0-3 anos, no que Anna Carreras, Marina Subirats e Amparo Tomé presentan unha proposta de traballo coeducativo, realizando algunhas propostas en canto a xogos, espazos e estrutura e interacción. No seguinte nivel, a educación secundaria, Carlos Rosales aborda a educación para a igualdade a partir de fontes teóricas e empíricas, aproveitando as respostas do alumnado deste nivel educativo para realizar algunhas propostas de traballo. Dende o sistema educativo brasileiro, Sueli Biano, Tânia Gusmãou e Jorge García, partindo do ámbito da Educación de mozas/os e adultos, analizan as relacións entre coñecemento matemático e mulleres, achegando algunhas claves arredor do concepto de ciencia e xénero. Recompoñer as relacións históricas do xénero na educación brasileira á luz das experiencias vividas por mulleres que educaron xeracións enteiras entre 1930 a 1970 levou a Ana Palmira Casimiro e Lívia Diana Rocha Magalhãés a centrarse nos límites da historiografía oficial sobre as relacións de igualdade e educación e a análise desa reconstrución. De xeito individual, Jorge García Marín enfoca algúns dos aspectos que teñen que ver coa experiencia dos universitarios no uso de videoxogos e máis en concreto coas identidades de xénero transmitidas por esta vía. No mesmo marco xeográfico, Angela Viana Machado, Elisangela Lelis Cunha e Luci Mara Bertoni achegan datos dunha investigación que estuda a situación dos presidios femininos en Brasil coa abordaxe dos perfiles socio-demográficos das reclusas e a súa reeducación. Finaliza esta temática sobre diferentes aspectos de socialización, a proposta de Susana de Andrés del Campo ao ofrecer unha aplicación do concepto de violencia simbólica de xénero nos medios de comunicación, así como un exercicio analítico e de interpretación dalgúns exemplos representados en anuncios. Nun segundo bloque, que aborda aspectos da relación entre traballo e familia, Lola Frutos analiza a construción do discurso da conciliación no contexto europeo, con atención no plano teórico á lexislación española e no ámbito empírico a distintas enquisas que permiten valorar os avances reais na relación traballo-familia. En contraposición e achegando a perspectiva socio-histórica brasileira, Ana Elizabeth Santos, analiza as diferentes formas de familia en relación á separación do traballo produtivo do espazo da reprodución familiar e a conseguinte división sexual do traballo. Pola súa banda, Constanza Tobío partindo da idea de individualización e do concepto de coidado, presenta distintos modelos de política social e os seus efectos para as persoas necesitadas de coidado así como sobre a igualdade de xénero. O conxunto complétase con traballos como o de María Antonia García de León que coa súa cartografía de poder, desvela algunhas das claves sobre o poder das mulleres profesionais e pola tanto analiza os territorios de poder por xénero. Pola súa banda, Mª Begoña Gómez mostra algúns indicadores que ilustran como o impacto da crise financeira e a desaceleración do crecemento económico no emprego son distintos en función do xénero. A obra finaliza coa achega de Mª Josefa Mosteiro e Ana Mª Porto cunha análise da traxectoria académica e profesional dun grupo de mulleres docentes e investigadoras na área de Ciencias Experimentais ofrecendo algunhas claves para a adopción de medidas que permitan superar as desigualdades detectadas. A presentación pública da obra contou coa presenza ademais da directora do CIFEX, Rita Radl; da concelleira de Familiar, Muller e Igualdade, Benestar Social, Maiores e Educación, María Castelao; dos coordinadores do volume, o profesor Jorge García e a profesora Begoña Gómez; e do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.03.2013.