Un traballo sobre as representacións de xénero no cine español gaña o Premio Juana de Vega de investigación histórica
O Premio Juana de Vega de investigación histórica recaeu na súa convocatoria de 2012 no traballo ‘Representacións de xénero no cine español (1939-1982): figuras e fisuras’ da autoría de Aintzane Rincón Díez. O xurado destacou del a súa innovación metodolóxica e a achega fundamental que realiza a un mellor coñecemento do tema abordado. A Cátedra Juana de Vega de investigación histórica, que dirixe o profesor Justo Beramendi e na que colaboran a Fundación Juana de Vega e o Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, instaurou hai anos estes galardóns en dúas modalidades, unha dirixida a doutores dotada con 6.000 euros e a publicación do traballo (que acaba de gañar Aintzane Rincón) e unha segunda para alumnado do Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea. Este ano o xurado decidiu deixar deserta a segunda modalidade porque se ben considerou que moitos dos traballos presentados constituían excelentes proxectos carecían de investigación empírica dabondo como para poderen ser obxecto de publicación. A Cátedra Juana de Vega Creada en decembro de 2005 no marco das actividades organizadas pola Fundación Juana de Vega para conmemorar o bicentenario do nacemento da súa fundadora (1805), a Cátedra fíxase como obxectivos promover o desenvolvemento de actividades en torno a tres aspectos centrais da historia contemporánea de Galicia: o pensamento ilustrado e proxecto político liberal; o achegamento da muller a ese pensamento, atendendo moi especialmente á vida e obra de Juana de Vega; e as iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego dende o século XIX.