Pasar al contenido principal

A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da USC, premio Arousán do Ano

A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da USC, premio Arousán do Ano
A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da USC, premio Arousán do Ano

A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con da Universidade de Santiago recibiu este sábado o premio ‘Arousán do Ano’ no apartado de Medio Ambiente que o Diario de Arousa lle entregou en recoñecemento ao seu intenso labor investigador para manter en bo estado os ríos e por difundir entre a sociedade as cuestións máis relevantes destas investigacións. A gala de entrega da décimo segunda edición deste galardón tivo lugar no Auditorio Municipal de Vilagarcía e nela o director da estación universitaria, Fernando Cobo, recolleu o premio de mans do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. A Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, emprazada na localidade de Castro de Agudín-Cea (Vilagarcía de Arousa), inaugurouse en 2004 coa fin de fomentar e desenvolver a investigación en bioloxía das augas continentais, facilitando aos investigadores as súas instalacións e medios para o desenvolvemento de traballos científicos, proxectos de investigación, teses de doutoramento ou reunións, o asesoramento e colaboración en materia de investigación con entidades publicas e privadas ou o establecemento e coordinación de relacións de intercambio científico con outras universidades e institucións científicas.

As liñas temáticas que poden desenvolverse na EHEC son as relacionadas coa investigación hidrobiolóxica básica e aplicada, dende biodiversidade, ecotoxicoloxía, contaminación e calidade de augas ata a xestión de poboacións, acuicultura, xenética, modelización limnolóxica ou patoloxía en animais dulceacuícolas, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2013.