As universidades de Santiago e Lleida editan un libro sobre o caso Couso e o conflito de Iraq
Este ano conmemórase o décimo aniversario da morte do reporteiro gráfico José Couso mentres cubría a guerra de Iraq. Ao longo destes dez anos, Couso tense convertido nun símbolo mundial da liberdade de información e do dereito a saber a verdade. Esta idea marca o punto de arranque do libro El conflicto de Iraq y el derecho internacional: El caso Couso, obra que editan conxuntamente a Universidade de Santiago e a Universitat de Lleida, xunto co concello de Lleida, baixo a coordinación de Albert Galinsoga. O desenvolvemento desta obra materializa o estímulo ás coedicións universitarias, na procura de xuntar esforzos e reducir custes, explica o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco, quen apunta ademais que esta iniciativa atópase en liña cos obxectivos da Unión de Editoriais Universitarias Españolas (UNE). As vinte achegas contidas nas 700 páxinas deste volume, ordenado en dúas partes e un bloque de apéndices temáticos, teñen o seu antecedente máis inmediato nunha xuntanza científica celebrada baixo o mesmo lema que o libro que agora ve a luz cando se celebra o décimo aniversario do inicio da guerra de Iraq. A primeira parte do libro está dedicada á análise do conflito iniciado coa invasión e ocupación militar de Iraq en marzo de 2003, a través de temas que se achegan ás vítimas do conflito, os tratados 678 e 1441 do Consello de Seguridade, a protección do dereito á vida, as bombas de racimo, a tortura e os tratos inhumanos ou a protección do patrimonio cultural. A segunda parte está completamente dedicada a profundar no caso Couso dende o punto de vista da xurisdición española, do dereito internacional humanitario ou das razóns de estado, entre outros enfoques. No apartado de Apéndices, este volume incorpora algúns casos xurídicos relacionados coa guerra contra o terrorismo e o conflito de Iraq, a carta de Javier Couso Permuy e unha serie de cartas de adhesión, así como a Declaración de Lleida sobre o respecto do Dereito Internacional nos conflitos armados e o caso Couso aprobada por consenso polos participantes e as entidades representadas nas xornadas celebradas en 2008.