Pasar al contenido principal

Unha investigación da EPS defende o aproveitamento das augas soterradas para dar abastecemento á poboación rural

Juan Ramón Raposo González, durante a defensa da súa tese de doutoramento na Escola Politécnica Superior de Lugo
Juan Ramón Raposo González, durante a defensa da súa tese de doutoramento na Escola Politécnica Superior de Lugo
O enxeñeiro pontevedrés Juan Ramón Raposo sostén na súa tese de doutoramento que o emprego de recursos hidroxeolóxicos sostibles é máis barato e non está desenvolvido

O enxeñeiro agrónomo pontevedrés Juan Ramón Raposo González defende na súa tese de doutoramento que o aproveitamento das augas soterradas permitiría dar abastecemento á poboación dos núcleos rurais de menos de 2.000 habitantes e reduciría sensiblemente os custos actuais derivados da red de distribución, bombeo e depuración das augas superficiais, cuxa xestión está moito máis desenvolvida que no caso dos recursos hidroxeolóxicos.

Estas achegas sobre o posible aproveitamento dos recursos hídricos soterrados, e que xa foron publicados en distintas revistas especializadas internacionais, aparecen recollidas nas conclusións da investigación desenvolvida baixo o título ‘Avaliación cuantitativa dos recursos hídricos subterráneos na demarcación de Galicia Costa e dos impactos hidroxeolóxicos producidos por infraestruturas soterradas e polo cambio climático”, unha tese de doutoramento dirixida por Jorge Molinero Huguet, de Amphos 21 Consulting, e polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Dafonte Dafonte. O autor deste traballo, Juan Ramón Raposo González defendeu onte este traballo na Escola Politécnica de Lugo diante dun tribunal avaliador presidido polo enxeñeiro de Camiños e catedrático da Universidade da Coruña, Javier Samper Calvete, e do que tamén formaron parte os profesores das universidades de Santiago e de Vigo , Montserrat Valcárcel e Benedicto Soto, respectivamente, ademais de Teresa Merlo, investigadora do Centro de Xeo-Sistemas da Universidade Técnica de Lisboa, e Bruno Pisani, investigador da Escola Técnica Superior de Camiños, Canles e Portos da Universidade da Coruña. Esta investigación, que se desenvolveu na demarcación territorial da Galicia costeira e non tivo en conta as cuncas fluviais das zonas de interior, constata asemade a necesidade de mellorar o coñecemento hidroxeolóxico dos acuíferos e o seu potencial, ao tempo que demanda unha xestión integrada das augas soterradas e superficiais e urxe o establecemento de criterios de protección realistas e diferenciados. O escaso estudo e o reducido interese prestado ata o momento ás augas soterradas na planificación e na xestión oficial de Galicia Costa, a pesar de tratarse dun recurso idóneo para dar abastecemento aos núcleos rurais de menos de 2.000 habitantes é outra das advertencias feitas por Juan Ramón Raposo na súa tese de doutoramento, na que tamén analiza o posible impacto que terían os distintos escenarios de cambio climático barallados na conservación dos recursos hídricos.

As hipóteses contempladas por Juan Ramón Raposo González na súa investigación contemplan unha moderada diminución dos recursos hídricos soterrados nas vindeiras décadas, nas que tamén presupón un incremento da duración media da estación seca, que pasará de tres a cinco meses. Estes cambios concentrarán a recarga de augas no inverno, en detrimento da primavera e do outono. Como consecuencia desta evolución, antóllanse cambios na construción de pozos de manancial, que serán máis profundos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.03.2013.