Pasar al contenido principal

Máis de 700 investigadores debaten na USC sobre a importancia da comunicación nos movementos sociais

O congreso Ibercom 2013, que organizan as tres universidades galegas, celebrarase na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago os días 29, 30 e 31 de maio

A importancia dos medios de comunicación para a democracia e os cambios sociais é un dos debates que reúne os próximos días a máis de 700 investigadores no XII Congreso Internacional Ibercom que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O evento que comezará o próximo 29 de maio está promovido pola Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (Agacom) e organizado por unha comisión que, baixo a presidencia da catedrática Margarita Ledo, integra a profesores das tres universidades galegas.

A inauguración oficial do congreso estará presidida polo presidente da Federação Brasileira das Associações Científicas e Acadêmicas de Comunicação, José Marques de Melo, e participarán os reitores das tres universidades galegas, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo. A comunicación alternativa Unha conferencia da colombiana Clemencia Rodríguez, profesora da Universidade de Oklahoma (USA), abrirá a actividade académica analizando a importancia dos medios de comunicación nos movementos e cambios sociais como a recente Primavera Árabe. Clemencia Rodríguez está especializada na análise de comunicación alternativa, comunitaria e cidadá na que traballa dende hai máis de tres décadas. Tres sesións plenarias proseguirán os debates para analizar os riscos e potencialidades da comunicación na era de internet. A primeira, coordinada polo catedrático da Universidade Complutense Enrique Bustamante, xirará arredor da comunicación, o servizo público e as esferas de poder. Nos debates intervirán Vera França, da Universidade Federal de Minas Gerais; Paquete de Oliverira, do ISTCTE de Portugal; e Raúl Trejo, da UNAM de México. A segunda sesión, coordinada polo catedrático da Universidade do Minho Moisés de Lemos Martins, tratará a comunicación, os procesos de cidadanía e esferas de poder e nela participaran Miquel de Moragas, presidente da AE-IC; Guillermo Orozco, de México; e Muniz Sodré, de Brasil. A terceira sesión, sobre a produción cultural en versión orixinal no cinema, xornalismo e televisión, estará coordinada por María Immacolata Vassallo, e contará con Marcos Palacios, Carlos Scolari, Patxi Azpillaga e Antía López. No eido local, un panel analizará o venres o galego e os medios de comunicación no que participarán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a exdirectora do ILGA, Rosario Álvarez, e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro. A conferencia de clausura, que se celebrará o próximo venres, está concibida como unha homenaxe ao cineasta, investigador e coordinador do Observatorio do Cinema e do Audiovisual Latinoamericano-FNCL, Octavio Getino, e consistirá nunha conferencia do profesor da Universidade Nacional de La Plata, en Arxentina, Roque González, sobre Políticas públicas e cines nacionais. Nesta homenaxe tamén intervirá Alfonso Gumucio-Dragon, asesor da Unesco, investigador e fotógrafo, quen proxectará a derradeira entrevista con Octavio Getino. Paralelamente, defenderanse as comunicacións en diferentes mesas temáticas con sesións que comezarán ás 16.00 horas do xoves nas aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación e estarán distribuídas nas seguintes temáticas: Políticas culturais, tecnoloxías e esferas do poder; Estrutura e soportes de comunicación: produción, consumo e recepción; comunicación estratéxica, organizacional e publicitaria; teoría e métodos de investigación; Educomunicación; os discursos da comunicación: migración, xénero, movemento cidadá, folkcomunicación; Estudos cinematográficos e audiovisuais; historia da comunicación e dos media. Humor e rap galego Paralelamente ás actividades académicas o congreso contará na inauguración coa actuación da cantante galega AID, que presentará o seu Rapomas, libro-disco editado pola Editorial Galaxia onde realiza unha adaptación en rap de poemas clásicos galegos. Por outra parte, durante os días do congreso trasladarase á cafetería da Facultade de Ciencias a Comunicación a exposición ‘O poder do humor’ do Museo da Imprensa Portuguesa (http://www.cartoonvirtualmuseum.org/), da que forman parte os máis relevantes cartoons que reflexionan sobre os principais problemas do mundo como o abuso do poder, o consumismo ou a democracia. A exposición iniciouse en 1999 en Portugal e pódese ver por primeira vez en Galicia nesta ocasión.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.05.2013.