Pasar al contenido principal

Unha tese propón un novo sistema de avaliación da calidade das universidades

Unha tese propón un novo sistema de avaliación da calidade das universidades
Unha tese propón un novo sistema de avaliación da calidade das universidades

David Rodríguez González acaba de defender a súa tese de doutoramento na que propón unha avaliación de 43 universidades españolas conforme a ISCUE, un indicador sintético que promove a avaliación integral da calidade universitaria con respecto aos perfís competitivos das universidades. É un índice que avalía a calidade das institucións universitarias sobre a base de seis compoñentes distintos: docencia, investigación, satisfacción das necesidades sociais, internacionalización, posgrao e servizos á comunidade universitaria. Segundo o traballo de Rodríguez González, os resultados presentados mostran que seis das institucións avaliadas acadan os mellores resultados: Cantabria, Autónoma de Barcelona, Lleida, Pompeu Fabra, Santiago de Compostela e Autónoma de Madrid. Cualificada con apto cum laude, a tese leva por título ‘A calidade na educación superior a través de indicadores sintéticos. Unha aplicación para o Sistema Universitario Español utilizando Análise Envolvente de Datos’ e dirixírona Mª Pilar Murias e José Carlos de Miguel. A metodoloxía proposta nesta tese como mecanismo de ponderación e agregación dos indicadores é a técnica da Análise Envolvente de Datos (DEA), cuxo principal atractivo neste contexto é que permite a ponderación endóxena dos indicadores. Como explica David Rodríguez, deste xeito constitúese un indicador obxectivo que non precisa da asignación de ponderacións a priori. Subliña ademais o investigador que esta técnica é ademais flexible, xa que permite que as ponderacións de todas as institucións analizadas non sexan iguais en todos os indicadores de maneira que se respecte a especialización relativa de cada universidade. O traballo está abordado dende a perspectiva dun estudante que busca universidade para continuar os estudos superiores. Dada a diversidade de facetas en que pode manifestarse o concepto calidade, o doutor Rodríguez González explica que ISCUE utiliza na súa construción a que se refire ao nivel de eficacia con que as universidades realizan as súas actividades, é dicir, a relación entre os obxectivos específicos das institucións e os seus resultados. O concepto de calidade A tese de doutoramento está motivada pola presenza do termo calidade na maioría dos debates que se desenvolven na actualidade en torno á institución universitaria, tanto en España como no contorno internacional. Neste senso, David Rodríguez lembra que un dos grandes obxectivos da creación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) foi a creación de sistemas de garantía da calidade que aseguren niveis de excelencia nas institucións universitarias. En España, engade o autor do traballo de investigación, diferentes documentos lexislativos e normativos veñen ocupándose da necesidade de mellorar a calidade docente, investigadora e de xestión a través dunha cultura de avaliación dos servizos universitarios. O doutor Rodríguez González sinala a modo de exemplo a vinculación que determinadas autonomías fan entre financiamento universitario e cumprimento duns determinados obxectivos de calidade. Este contexto fai que exista un amplo grupo de axentes (estudantes, xestores, universidades e a propia sociedade) interesados en dispor de instrumentos que permitan a avaliación da calidade das institucións universitarias. O maior problema á hora de avaliar a calidade dos sistemas universitarios radica na propia definición deste concepto, abstracto e multidimensional, subliña o autor da tese. Este problema agudízase ao ter en conta que as universidades non posúen unha única función, “senón que son organismos dinámicos que co paso do tempo foron diversificando as súas actividades”. Ademais, as propias institucións foron transformándose de forma heteroxénea, tendendo a unha especialización relativa nunhas ou outras funcións. O indicador presentado nesta tese permite ter en conta estas diferenzas na avaliación da calidade das institucións universitarias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.05.2013.