Pasar al contenido principal

O concurso de iogures promovido pola USC na campaña ‘A ciencia dos alimentos’, recibe 15 propostas

Sesión de cata dalgúns dos iogures presentados ao certame
Sesión de cata dalgúns dos iogures presentados ao certame
A primeira cata do certame, que repartirá 4 ‘tablets’ como premios, proba a calidade dos proxectos desenvolvidos por alumnos de institutos das provincias Lugo e A Coruña

O concurso de deseño de leites fermentados convocado no marco da campaña ‘A ciencia dos alimentos’, promovida pola Aula de Produtos Lácteos (APL) da Universidade de Santiago de Compostela co fin de espertar o interese do estudantado preuniversitarios polo sector agroalimentario e polas distintas enxeñarías ofertadas na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, recibiu un total de quince propostas de iogures, mus e leites fermentados.

Os organizadores deste certame escolar, no que tomaron parte uns 60 estudantes de distintos institutos de ensino secundario das provincias de Lugo e da Coruña, así como os seus respectivos docentes, destacaron a calidade e a orixinalidade das propostas recibidas, o que “demostra que os rapaces traballaron moi ben e colleron o tema con interese”. A primeira das catas organizadas polo xurado responsable de fallar os premios deste certame, uns galardóns doados polas empresas Feiraco e Clesa e que se entregarán o vindeiro 31 de maio co gallo da celebración do Día Internacional do Leite, permitiu comprobar que a maioría das propostas de iogur recibidas responden á combinación/mestura do leite con distintas froitas (noces, marmelo, cereixas...). A calidade hixiénica e sanitaria, os envases e a presentación do produtos, o aspecto dos iogures, a textura, olor, apreciacións sensoriais, retrogusto e a orixinalidade das propostas son algúns dos parámetros que terán en conta os membros do xurado responsable de determinar o gañador, tal e como se establecía nas bases do concurso, organizado como unha das actividades programadas na campaña ‘A ciencia dos alimentos’. O director da Aula de Produtos Lácteos da USC, o profesor Juan Méndez Dónega, agradeceu o esforzo e a implicación dos distintos centros educativos que participaron no concurso, ao tempo que adiantou que a entrega dos premios ao equipo gañador se celebrará o vindeiro 31 de maio na sede da Aula de Produtos Lácteos. Méndez Dónega precisou que elixiron esta data por tratarse do Día Mundial do Leite, unha xornada simbólica na que a APL manterá abertas as súas instalacións ao público e durante a que ademais das visitas guiadas a escolares, tamén se celebrarán distintas charlas e reparto de agasallos e lotes de produtos lácteos doados por empresas. O director da Aula de Produtos Lácteos da USC tamén amosou a súa satisfacción pola boa aceptación da campaña ‘A ciencia dos alimentos’, unha iniciativa que podería ampliarse no ano 2014 a toda Galicia e na que nesta primeira edición participaron máis dun milleiro de escolares e docentes. A xincana QR que se celebrará o vindeiro 21 de xuño en A Fonsagrada servirá de colofón a esta primeira edición da campaña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.05.2013.