Pasar al contenido principal

García Herradón preside o xurado do concurso de curtas con móbil sobre as enxeñarías e o territorio galego

O prazo para a presentación de curtas a este certame, que agasallará ao gañador/a coa matrícula de balde no primeiro curso de calquera grao na USC, remata o 27 de maio

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirá o xurado do concurso de curtas con móbil ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego?’, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela para dar unha maior promoción e resaltar o interese e as múltiples utilidades prácticas das enxeñarías impartidas na Escola Politécnica Superior de Lugo.

O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade e decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Pereira Fariña; o director do Servizo de Medios Audiovisuais da institución académica compostelá, Ángel Fagilde Fariña; a director da OIU da Universidade de Santiago, Isabel Braña Tobío, e as xornalistas luguesas Mar Martínez Louzao e Laura López Fernández, tamén forman parte do xurado encargado de fallar os premios deste concurso de curtas con móbil, do que actuará como secretario o xornalista do gabinete de comunicación da USC, Ignacio Rodríguez Díaz. Obxectivos e prazos O concurso de curtas con móbil ‘Coñeces as posibilidades da enxeñaría para o desenvolvemento do territorio galego?’, cuxas bases están accesibles na web www.usc.es/curtasconmobil, pretende contribuír a que os futuros/as universitarios/as reflexiones, indaguen e apliquen o seu potencial creativo para facer propostas, en curtas audiovisuais, sobre o cometido que poden desenvolver os/as enxeñeiros/as titulados na Escola Politécnica Superior de Lugo a prol do desenvolvemento do rural galego, en todos os ámbitos, pero de xeito especial, no forestal e agrogandeiro. O prazo de presentación das curtas rematará o vindeiro 27 de maio de 2013 e os seus autores deberán facer entrega das súas respectivas propostas creativas en calquera dos rexistros xerais da Universidade de Santiago, así como nas demais fórmulas que recolle a normativa vixente. Os traballos presentados, ben nun DVD ou nun pendrive e cunha duración de entre 30 e 90 segundos, deben ser gravacións de vídeos, en ningún caso montaxes de fotografías, teñen que estar realizados en formato .avi, .mov ou .mp4.

O gañador do concurso poderá matricularse de balde o vindeiro exercicio académico 2013-2014 no primeiro curso de calquera das titulacións de grao ofertadas pola Universidade de Santiago nos seus campus de Lugo e de Compostela. Os outros catro galardóns establecidos nas bases do concurso consisten na exención do pagamento do importe da matrícula nun curso de idiomas no Centro de Linguas Modernas (CLM) da Universidade de Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2013.