A Facultade de Veterinaria amosa medio cento de ‘Metáforas visuais’ do fotógrafo coruñés Román Montesinos
A sala de exposicións Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acubillará ata o vindeiro 30 de xuño a mostra ‘Metáforas visuais’, do artista coruñés Román Montesinos, quen, busca chamar a atención do espectador a través de medio centenar de imaxes cheas de contrastes e non exentas de crítica, pero directamente ligadas coas distintas actividades da vida cotiá. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, inaugurou este martes esta colectiva de instantáneas simbólicas no transcurso dun acto público ao que tamén asistiron o decano da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, Germán Santamarina, e María Barro Teiga, en representación de Román Montesinos, que non puido participar na apertura da súa mostra por problemas de saúde. A apertura da mostra ‘Metáforas visuais’ congregou tamén na sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria a profesores do campus de Lugo, ao fotágrafo lugués Carlos Valcárcel, ademais de amigos de Román Montesinos. A escolma fotográfica de Román Montesinos exposta na Facultade de Veterinaria de Lugo é “unha pequena parte da obra deste creador coruñés”, segundo salientou María Barro, para logo abundar que “ material para fotografiar ten moitísimo”. A obra fotográfica de Román Montesinos, xeólogo especializado en Paleontoloxía e na actualidade profesor da Universidade da Coruña, sempre estivo ligada coa visión metafórica da realidade. De feito, nas súas fotografías, este coruñés nado nunha tarde brumosa de finais de agosto de 1952, como acostuma dicir o propio Montesinos, evoca distintos tipos de sentimentos, conxugando o material co anímico, en moitas ocasións con varios planos inmersos. Román Montesinos, cuxa obra na liña da poesía visual é obxecto de comparación coas creacións do xenial Chema Madoz, é autor de máis de vinte exposicións individuais en distintas salas. Asemade, este artista, que tamén participa no proxecto ‘Andante’, promovido polo arquitecto de Allariz, Ramón Álvarez, conta cunha das súas obras na exposición permanente no Museo do Humor de Fene.