Unha investigadora da USC constata que os ponis salvaxes e os corzos son as principais presas da poboación de lobos en Galicia
Os ponis salvaxes e os corzos constitúen as principais presas da poboación de lobos que habita os montes de Galicia, segundo conclúe a tese de doutoramento defendida na Universidade de Santiago de Compostela pola enxeñeira de montes Laura Lagos Abarzuza, que tamén destaca na súa investigación a particular relación ecolóxica existente entre o lobo e os ponis salvaxes, xa que a coexistencia de cabalos salvaxes en liberdade e lobos é pouco habitual e localízase fundamentalmente no noroeste da Península Ibérica e en Mongolia, onde foi reintroducido o cabalo de Przewalski
A presenza dos ponis salvaxes e do corzo na dieta do lobo adquiriu máis importancia a partir de 2003, segundo apunta a investigadora, que relaciona a posible redución de carroña na dieta dos lobos coa implementación de medidas sanitarias logo da aparición da Encefalopatía Esponxiforme Bovina. Outra das achegas feita por Laura Lagos é que a depredación sobre os poldros prodúcese de primavera a outono, mentres que todo o ano e especialmente no inverno, os lobos consumen ponis adultos mortos, o que indica a gran importancia da poboación de ponis como fonte de alimento para os lobos durante todo o ano. A taxa reprodutora dos ponis salvaxes dos montes do centro da dorsal galega é do 67%, cunha sincronización reprodutora semellante á doutras especies silvestres, segundo apunta Laura Lagos, quen tamén conclúe que o efecto depredador do lobo foi a principal causa de morte dos poldros, cuxa taxa de mortalidade situouse arredor do 52%. Os efectos depredadores do lobo no afectan, por contra, aos équidos salvaxes de máis de oito meses, quizais, segundo suxire esta investigadora, porque xa teñen aprendida unha resposta antidepredatoria, aínda que o tamaño dos poldros e a unha posible resposta funcional dos lobos tamén parecen ter influencia. A tese de doutoramento desta investigadora viguesa, desenvolvida baixo a dirección do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Luis Sanmartín Durán, coa colaboración científica do zoólogo Felipe Bárcena Varela de Limia, leva por título ‘Ecoloxía do lobo (Canis lupus), do poni salvaxe (Equus ferus atlanticus) e do gando vacún semiextensivo (Bos taurus) en Galicia: interaccións depredador-presa’. A investigación desenvolvida para a tese de doutoramento por Laura Lagos mereceu a cualificación de apto cum laude por parte do tribunal da tese, presidido polo catedrático do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, Florencio Martínez Ubeira. O tamén profesor da USC Jesús Domínguez Conde; o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo Enrique Valero Gutiérrez del Olmo; Paulino Fandos Paris, da Junta de Andalucía, Alexandre Nuno Vaz Baptista, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, completaron a formación do tribunal. Investigación novidosa O traballo de doutoramento da investigadora Laura Lagos acada se cabe maior relevancia por tratarse do primeiro estudo sobre a ecoloxía dos ponis salvaxes de Galica que aborda aspectos sobre a súa ecoloxía reprodutora, a súa estrutura social e especialmente a relación depredador-presa entre os lobos e estes équidos. De feito, cómpre lembrar que a relación ecolóxica entre os lobos e os cabalos en liberdade é un tema descoñecido no plano científico, xa que a coexistencia de ambas especies é pouco habitual. Asemade, no caso de Galicia, a presenza de ponis salvaxes tamén ten experimentado nas últimas décadas unha progresiva merma. A diminución desta poboación equina pode gardar relación co efecto depredador do lobo, pero tamén coa propia acción dos besteiros (os propietarios dos ponis salvaxes), parte dos cales optan por deixar a actividade e polo sacrificio das reses polos escasos rendementos económicos que depara e ante os cada vez máis esixentes e custosos controis que require a lei. A enxeñeira de Montes Laura Lagos, egresada da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, baseou a súa investigación sobre a ecoloxía trófica do lobo na análise de miles de mostras de excrementos de lobo localizados en tres sectores distintos da xeografía galega: Val do Eume e norte da Dorsal Galega, centro da Dorsal Galega e suroeste dos Macizos Centrais de Ourense. Nas dúas primeiras áreas xeográficas sinaladas, o poni salvaxe é a principal presa do lobo, mentres que o corzo cumpre este cometido no caso dos montes centrais de Ourense. O estudo de campo sobre a ecoloxía dos ponis salvaxes e do gando vacún que se atopa en réxime semiextensivo desenvolveuse nunha serie de explotacións gandeiras localizadas nos concellos de Curtis, Sobrado dos Monxes, Guitiriz, Friol, Muras e Xermade, segundo relatou Laura Lagos, quen pon de manifesto a importancia dos ponis salvaxes na alimentación do lobo, o que explica, cando menos parcialmente, o alto impacto depredador que sofren os poldros salvaxes en comparación cos tenreiros de explotacións de vacún de carne que se atopan en réxime extensivo ou semiextensivo nas áreas de estudo antes citadas. Respecto dos efectos depredadores do lobo sobre a poboación de gando vacún, Laura Lagos determina no seu traballo qué características das explotacións gandeiras poden condicionar a súa vulnerabilidade á depredación do lobo, unha análise necesaria para explicar as razóns polas que unhas explotacións eran vítimas de ataques e outras, localizadas nas súas inmediacións, non. Ademais, esta información tamén se antolla de especial interese para poder extraer recomendacións e pautas orientadas a minimizar os danos mediante un axeitado manexo do gando.