Pasar al contenido principal

Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da USC, premiada pola Federación Galega de Dano Cerebral

O director da Unidade Pedro Diz Dios
O director da Unidade Pedro Diz Dios
O director da Unidade Pedro Diz Dios recollerá este galardón na mañá do sábado 28 de setembro na Facultade de Filosofía

A Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC acaba de ser galardoada co VII Premio Miguel Blanco outorgado pola Federación Galega de Dano Cerebral, a cal decidiu recoñecer “o coidado da hixiene bucodental que a Unidade leva prestando desde 1992 ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, e o seu labor divulgativo a favor dos dereitos das persoas con discapacidade e en contra das barreiras que dificultan o seu pleno acceso ao dereito á saúde”.

O director da Unidade e catedrático de Estomatoloxía, Pedro Diz Dios, recollerá o galardón na mañá do vindeiro sábado 28 de setembro, na Facultade de Filosofía, no marco da xornada sobre o dano cerebral adquirido ‘A Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’.

A Unidade naceu para paliar a especial vulnerabilidade e risco para a saúde dental que teñen as persoas con discapacidade, garantindo o acceso a unha correcta hixiene oral, o que incrementa a autonomía e a autoestima da persoa con dano cerebral adquirido, repercutindo no seu bo prognóstico xeral de recuperación e/ou mantemento de capacidades.

Diz Dios disertará no acto de entrega sobre a traxectoria da Unidade e o dereito á saúde oral. Miguel Ángel Verdugo, catedrático de Psicoloxía da Discapacidade e director do Instituto Universitario de Integración na Comunidade da Universidade de Salamanca, entidade premiada en 2018 con este mesmo galardón, será o encargado de facer a entrega do premio.

Xornada sobre información e toma de decisións

Á Federación Galega de Dano Cerebral preocúpalle que os procesos de deliberación se realicen baixo criterios éticos, que se deben manter, asemade, á hora de informar sobre calquera aspecto desta discapacidade. É por iso que dedica a súa Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido de 2019 á reflexión sobre ‘Información e toma de decisións: unha mirada desde a ética’. A inscrición é aberta e gratuíta ata completar o aforo do Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC. Para tramitala cómpre cubrir este formulario online.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.06.2023.