‘Sons creativos’ converte por un día o Museo Interactivo da Historia de Lugo nun espazo de arte sonora
O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela (GCSUS), dirixido pola compositora e catedrática da Área de Música da USC, Inmaculada Cárdenas, desenvolverá o sábado 11 de maio nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) unha nova edición, e xa van cinco, do programa ‘Sons creativos’, unha plataforma de intercambio cultural e de creación, promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural e cuxa temática versará nesta ocasión sobre a música improvisada. O programa de ‘Sons creativos’ dará a coñecer a obra do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), ademais de divulgar creacións, teorías e as achegas dos artistas, músicos e investigadores doutras universidades convidados a participar neste foro musical no Mihl, onde se inaugurará, a partir das 12.00 horas, a mostra ‘25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’. A vicexerenta do campus de Lugo, Carmen Varela; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; o deputado da área de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, e a catedrática da USC e directora do GCSUS, Inmaculada Cárdenas, participarán na inauguración desta mostra retrospectiva, que permanecerá aberta ao público no Mihl ata o vindeiro 16 de xuño. Programa Unha mesa redonda sobre música improvisada, na que intervirán como relatores o investigador da USC Javier Garbayo, a pedagoga especializada en Pedagoxía de Creación Musical da Universidade de Valladolid, Pilar Cabeza, e o artista plástico Jesús Otero Yglesias, abrirá, a partir das 10.30 horas, a quinta edición de ‘Sons creativos’. A quenda de mañá rematará co relatorio ‘Antecedentes da arte sonora en Lugo 1987-1993: O concerto de campás Sacra Lucus e Revisando Espacio Permeable’. Nesta sesión, na que participarán Juan Gil López e Jesús Otero Yglesias, tamén se abordará o ‘Concierto de esculturas sonoras’, de 1992. Os membros do Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago Mónica Álvarez, Arturo Vaquero e Efraím Díaz, así como director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, intervirán como relatores, a partir das 16.30 horas, nun coloquio sobre o GCSUS como aposta pola improvisación. Ao remate da sesión, todos os asistentes poderán participar nunha visita guiada pola mostra. O concerto ‘Construír/deconstruír os sons’ servirá de colofón, a partir das 20.00 horas, desta quinta edición do programa ‘Sons creativos’. Esta nova peza artística, tamén obra do GCSUS, contará coa participación dos artistas convidados nesta edición. ‘25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ A exposición ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ achega ao público obras compostas polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), entre as que se atopan pezas electroacústicas e propostas audiovisuais. A mostra inclúe tamén dous dos antecedentes de arte sonora desenvolvidos en Lugo co apoio da Universidade de Santiago, como o concerto de esculturas sonoras, a cargo do grupo Espacio Permeable, e o concerto de campás Sacra Lucus, de Llorenç Barber. A exposición, presentada en forma de instalacións sonoras ou audiovisuais, inclúe información sobre o traballo desenvolvido polo Grupo de Creación Sonora da USC. Nesta relación cómpre citar ‘ Música&Arquitectura’, do 2001; a opera ‘Serea e contador de contos’, de 2002; Grupo de creación musical en concerto, de 2007; Música e entorno, de 2009, e Música, espazos e cidade’, presentado o pasado ano 2012 e no se compilan os resultados dos traballos das tres primeiras edicións de ‘Sons creativos’.