A USC e o Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos alcanzan un acordo marco de colaboración

O reitor Juan Casares e o presidente do Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos, Alejandro López Quiroga, asinaron este luns 13 no Colexio de San Xerome un convenio marco que regulará a colaboración entre a USC e o Consello para o desenvolvemento de actividades conxuntas no futuro. O acordo regulará o desenvolvemento de actividades científicas, pedagóxicas, culturais, de investigación ou intercambio de persoal e asesoramento en cuestións de interese común. Concretamente establécese o marco de referencia para a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento ou a cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico. Ademais do asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividades propia de ambas partes, o texto asinado recolle tamén a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación, a docencia e o desenvolvemento tecnolóxico, así como o intercambio de persoal por tempo limitado. Cada proxecto ou programa de actuación desenvolvido ao abeiro deste convenio será obxecto dun convenio específico, cuxa elaboración, seguimento e cumprimento recaerá nunha comisión mixta que integran, por parte da USC o vicerreitor de Investigación e os profesores Juan Gestal, Inmaculada Tomás e Juan Seoane. Por parte do Consello, participarán Alejandro López Quiroga, José Mª Suárez, José Manuel Álvarez e Juan Alfonso Perotti. Este acordo marco terá unha vixencia marco de 2 anos renovables por períodos iguais por acordo tácito.