Pasar al contenido principal

Un curso de verán da Universidade de Santiago aborda do 3 ao 7 de xuño a literatura científica en Veterinaria

O obxectivo do seminario coordinado por Manuel Vázquez é dar a coñecer as claves e as posibilidades do sistema de publicación científica aos futuros investigadores

A Facultade de Veterinaria e a biblioteca Intercentros do campus de Lugo acollerán do 3 ao 7 de xuño o curso de verán ‘Literatura científica: da redacción á publicación’, un programa formativo dirixido a estudantes de máster e doutoramento, a través do que se pretende dar a coñecer os sistema de publicación científica aos futuros investigadores para facilitar o proceso de publicación e o conseguinte aumento do número de artigos aceptados.

Este seminario estival, coordinado polo profesor de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Santiago e editor da revista CyTEA Journal of Food, Manuel Vázquez Vázquez, está orientado preferentemente ás ciencias experimentais, aínda que está aberto a todas as áreas de coñecemento. Programa do curso A necesidade da publicación do coñecemento científico, as etapas e a ética do proceso, así como a estrutura dos artigos e os erros típicos que causan a non aceptación destes traballos, centrarán a temática dos relatorios do propio Manuel Vázquez na apertura deste seminario estival, unha xornada que rematará cun taller de busca de información na WOK, dirixido por César Gómez. A publicación en congresos, a redacción de proxectos de investigación para buscar financiamento, a escrita de teses de doutoramento e de proxectos de máster, e as pautas para a citación de a bibliografía son outras das cuestións que se tratarán este foro, no marco do que os directivos da editorial holandesa Elsevier, David Miño e Giovanna Bartens, farán unha análise das publicacións científicas e da calidade das revistas. O editor e publicacións da editorial británica Taylor & Francis, James Cleaver, falará o 6 de xuño sobre o financiamento das publicacións e da detección de plaxios. Logo desta intervención, que se desenvolverá en inglés, Javier Díaz de Olarte, do gabinete xurídico do Centro Español de Dereitos Reprográficos, ofrecerá un relatorio sobre os dereitos de autor e os tipos de licencias. A redacción de patentes, con especial atención ás biotecnolóxicas, os perigos e as oportunidades que representan as novas editoriais en liña e a visión da información científica constitúen outros dos temas sobre os que debaterán os relatores e asistentes ao curso de verán da USC ‘Literatura científica: da produción á publicación’. Este seminario estival inclúe asemade obradoiros sobre edición, traballos científicos e RefWorks. Inscrición e matrícula As persoas interesadas en asistir a este curso poden formalizar xa a súa matrícula en liña a través da web da Universidade de Santiago de Compostela, www.usc.es, ou tamén no enderezo electrónico http://labtecali.usc.es/index.php/cverano, no que tamén poden atopar cumprida información deste programa formativo estival, que se desenvolverá en horario de 9.30 a 18.00 horas. A taxa de inscrición no curso, estruturado en 30 horas lectivas e para o que se ofrecen un total de 60 prazas, é de 120 euros. Os estudantes universitarios, así como as persoas desempregadas, PAS e PDI da USC poderán beneficiarse dunha taxa reducida de 70 euros. Este seminario ten recoñecidos dous créditos de libre configuración para o estudantado que o solicite no momento da matrícula e asista polo menos ao 80% das sesións programadas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.05.2013.