A USC e a Consellaría de Sanidade colaboran na promoción da dieta atlántica

O reitor Juan Casares e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asinaron este luns 20 dous acordos de colaboración para o desenvolvemento de actuacións conxuntas para a definición e promoción da dieta atlántica e para o fomento da doazón de órganos e tecidos na comunidade universitaria. No primeiro caso, a USC e a Xunta de Galicia a través da Fundación Dieta Atlántica pretenden dar pulo a esta dieta como factor de saúde, para o que o acordo contempla como principais liñas de actuación, a proposta, a organización e a realización de estudos e proxectos de investigación de carácter multisectorial sobre a dieta atlántica, en particular sobre a súa definición e o seu impacto sobre a saúde, incluíndo a cesión de datos entre as partes de estudos previos cando a súa análise poda contribuír a estes obxectivos. Neste contexto, a promoción da dieta atlántica, xunto co fomento da actividade física, considéranse elementos importantes para reducir a prevalencia de certas doenzas crónicas Outras liñas de actuación serán a promoción da dieta atlántica; a investigación de mercados e comportamentos de consumo; a mellora da calidade nutricional e organoléptica dos alimentos da dieta atlántica; e, ademais, o desenvolvemento de programas divulgativos e de formación para mellorar o coñecemento da alimentación saudable. Doazón de órganos e tecidos O segundo dos acordos asinados polo reitor e a conselleira posibilitará a colaboración entre a Universidade de Santiago e o Servizo Galego de Saúde na realización de actividades de información, difusión e fomento da doazón de órganos, tecidos e medula ósea en centros e dependencias da USC. Estas actividades levaranse a cabo mediante a instalación de puntos de información, que serán atendidos por estudantes da USC con carácter voluntario e conta coa participación do Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU). Nestes puntos, facilitarase información sobre as vantaxes que para a sociedade ten a doazón, así como sobre as condicións xerais e mecanismos dispoñibles para realizala. A Oficina de Coordinación e Transplantes do Sergas ofrecerá aos estudantes voluntarios a formación e soporte necesarios para desenvolver correctamente a súa actividade e prestará a atención profesional axeitada ás persoas que manifesten o seu interese na doazón nas súas múltiples formas.