Pasar al contenido principal

O Grupo de Creación Sonora da USC presenta este martes 23 en Lugo a quinta edición do programa ‘Sons Creativos’

A música improvisada será o eixo desta xornada o 11 de maio no Mihl, onde se abrirá a mostra ‘25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’

O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela (GCSUS), dirixido pola compositora e catedrática da Área de Música da USC, Inmaculada Cárdenas, presentará este martes, día 23 de abril, a partir das 11.00 horas, no salón de plenos do concello de Lugo, a quinta edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma de intercambio cultural e de creación que se desenvolverá o vindeiro 11 de maio nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo, onde tamén permanecerá exposta a mostra ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’.

‘Música improvisada’ é o título da quinta edición do programa ‘Sons Creativos’, unha iniciativa promovida e organizada polo GCSUS ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que nesta ocasión pretende servir de plataforma de presentación das obras realizadas polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), así como por outros artistas convidados, músicos e investigadores doutras universidades. Alén da celebración da xornada programada para o vindeiro 11 de maio, os organizadores desta quinta edicións de ‘Sons Creativos’ teñen a intención de transformar o Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) nun espazo para a arte sonora, a través das distintas instalacións que conforman a exposición ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, un mostra que permanecerá aberta no Mihl ata o 16 de xuño. A directora do GCSUS, Inmaculada Cárdenas, detallará este martes 23, a partir das 11.00 horas no salón de plenos do consistorio lugués, o programa da quinta edición de ‘Sons Creativos’. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, e o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga Outeiro, tamén participarán no acto de presentación deste novo programa cultural.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.04.2013.