O teatro universitario sube a escena na Universidade de Santiago

A Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, o Teatro Principal e o Salón de Teatro Compostela levantarán o seu pano a partir deste martes 23 para ofrecer ao público que se achegue as novas produción escénicas do teatro universitario galego. A cita será do 23 de abril ao 8 de maio na 14ª Mostra de Treatro Universitario de Galicia que organiza a Aula de Teatro da USC, única mostra destas características en Galicia. No cartel figuran dezaseis compañías que porán sobre as táboas outras tantas obras que o público interesado poderá presenzar de balde previo paso polo despacho de entradas. A mostra inclúe un ano mais a entrega dos seus premios, nun acto que se vai celebrar o xoves 9 coincidindo coa clausura do festival. Ademais da Compañía de Teatro e da Aula de Teatro da USC-Lugo, participarán a Aula de Teatro da Universidade da Coruña, Maricastaña e Cordelia da Universidade de Vigo, A Santa Compaña, Arte Maior, Tolemia, Teatro da Falúa, Espírito Áspero, Tik e Tak, Artías, Sigillatos Galaicos, Pinchacerneiro, Las Civas e Nnc Teatro. A Compañía de Teatro da Aula de Teatro da USC abrirá este martes 23 a programación da mostra coa representación de ‘Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira a meu fillo’ de Rodrigo García, a partir das 21.00 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño. Este mesmo espectáculo terá dous pases máis, o mércores 24 e o xoves 25.