A Facultade de Ade abre o curso cunha conferencia aberta sobre empresa familiar a cargo da Ceo do grupo Adolfo Domínguez
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas (Ade) do campus de Lugo da USC abriu este luns o curso 2019-20 de xeito simbólico cunha conferencia aberta sobre empresa familiar a cargo da conselleira delegada e CEO do grupo empresarial Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez González, quen ofreceu o relatorio ‘Galicia, a orixe’.
A intervención de Adriana Domínguez, que estivo arroupada nesta sesión promovida pola Cátedra de Empresa Familiar da USC pola decana da Facultade de Ade, Begoña Barreiro Fernández, e polo axunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, fixo fincapé na importancia do carácter familiar do grupo Adolfo Domínguez, unha característica que, segundo dixo, resulta clave para explicar a continuidade no tempo dunha iniciativa empresarial que xa vai pola súa terceira xeración.
Políglota e educada no ámbito internacional, Adriana Domínguez é licenciada en Ciencias Empresariais Internacionais polo Icade (Madrid) e Cesem (Francia) e polo The lee Strasberg Theatre Institute de Nova York, ademais de ter completado un máster de Pensamento na Escola Contemporánea de Humanidades de Madrid.
Conselleira delegada do grupo Adolfo Domínguez desde maio de 2018, Adriana Domínguez é unha perfecta coñecedora desta compañía, a primeira do sector téxtil galego que cotizou en bolsa e na que durante 17 anos liderou diversos varios proxectos en diversas áreas de negocio, ao tempo que desenvolveu cargos directivos en áreas de comunicación e, entre outros, da sección de perfumes.
De esquerda a dereita, Adriana Domínguez, Begoña Barreiro e Jesús Varela, na Aula Magna da Facultade de Ade Adriana Domínguez, na súa intervención na Facultade de Ade