Pasar al contenido principal

O XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC chega a Compostela

O XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC chega a Compostela
O XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC chega a Compostela

Achegar a danza universitaria á cidade saíndo ao encontro dos espectadores e favorecendo actividades comúns a este colectivo artístico é o obxectivo do XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC. Os detalles desta nova convocatoria do Encontro presentáronos en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o director do Espazo de Danza Universitario da Universidade de Santiago, Juan Carlos Zahera. Participarán un total de oito compañías: a TeatrUBI da Universidade da Beira Interior de Portugal; a Aula de Danza da Universidade de Barcelona; a Aula de Danza NORMAL da Universidade da Coruña; D-ou-tras, do Campus de Ourense da Universidade de Vigo; as compañías de danza de Lugo e Santiago; e a compañía independente da USC Zur 2 Danza-USC. Ao programa de actuacións, que se desenvolverá o luns 15 e o martes 16 no Teatro Principal ás 21.00 horas, engádense unha performance de danzaterapia o primeiro día do encontro, a partir das 13.00 horas na Igrexa da Universidade, na que os participantes amosarán o resultado final do curso realiza este mesmo anoarredor da Danzaterapia e musicoterapia O encontro inclúe tamén o martes 16, ás 13.00 horas no carril da Facultade de Dereito, o programa de ‘Pezas Curtas’ no que as compañías dan a coñecer en formato breve –­­en intervencións de cinco minutos– as súas producións coreográficas. Como xa sucedera en edicións anteriores, o Encontro concíbese tamén como un espazo de residencia e de traballo para os artistas participantes. O primeiro día será a quenda para as actuacións dos espazos de danza do Campus de Lugo, do da Universidade de Vigo, a Aula de Danza da Autónoma de Barcelona e o do Campus de Compostela. O martes 16 intervirán a compañía independente Zur 2 Danza-USC, TeatrUBI da Universidade da Beira Interior, a aula NORMAL da Coruña e danzaUSCompostela. En ambos os dous días, a entrada será libre previo paso pola billeteira (aberta en horario de 18.00 a 21.00 horas). Múltiples actividades A celebración do XI Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC é unha peza máis do amplo abano de actividades que a universidade compostelá desenvolve no eido da danza. Así, o Espazo de Danza organizou ao longo do curso un total de sete cursos de distintas disciplinas e apoiou o traballo das dúas compañías de danza contemporánea. Neste último caso, engádese unha nova formación que se presentará o vindeiro mes de xuño e que é resultado dun novo curso de integración social a través da danza. No ámbito concreto da produción cultura, a USC sumouse tamén ao proxecto Xanela (plataforma en liña para o intercambio do coñecemento e a visibilidade de actividades que xuntan artes escénicas e a mediación tecnolóxica) cunha nova produción a través do streaming entre Konic thtr en Barcelona, a Universidade da Coruña e a propia USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.04.2013.