Os investigadores que traballan na harmonización dos bancos de xermoplasma de maceira españois reúnense o martes no Cactus
O edificio Cactus do campus de Lugo acollerá o martes 16 de abril, a partir das 9.00 horas, unha reunión dos grupos de investigación que traballan na avaliación e harmonización das variedades de mazá recollidas e conservadas nos bancos de xermoplasma de madeira máis representativos de España.
Esta reunión de traballo encádrase dentro das accións desenvolvidas ao abeiro do proxecto de investigación interuniversitario ‘Harmonización da metodoloxía, caracterización, avaliación da diversidade xenética e definición da colección nuclear do xermoplasma de maceira conservado nos bancos de xermoplasma españois, no que traballan na actualidade profesionais de universidades e centros de investigación de Galicia, Asturias, Navarra, Aragón e Cataluña. Este proxecto de investigación, coordinado en Galicia polo profesor da Escola Politécnica de Lugo Santiago Pereira, está financiado polo Inia a través do Subprograma Nacional de Conservación de Recursos Xenéticos de Interese Agroalimentario, e concluirá previsiblemente a finais do ano 2014.