Inauguración oficial da Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC
A Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC é, ata o momento, a única das 900 do programa homónimo da Comisión Europea dedicada ao estudo do papel da literatura e a cultura no proceso de integración europea. A nova cátedra institucional da Universidade de Santiago celebrará este martes 16 a súa inauguración oficial cun acto que presidirá o reitor Juan Casares a partir das 18.00 horas na Casa Europa (Finca de Vista Alegre). Intervirán ademais o director do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Santiago Fernández Mosquera, e o director da Cátedra, César Domínguez, que a presentará e que tamén ofrecerá unha conferencia sobre a dimensión cultural da europeización, unha das liñas de investigación que desenvolve este centro. A actividade da Cátedra Jean Monnet ‘A cultura da integración europea’ da USC integra unha vertente docente, vinculada aos graos de orientación filolóxica e o de Historia da Arte así como a posgraos nestes eidos, e a unha vertente investigadora. Ambas as dúas teñen por obxectivo formar aos estudantes na importancia da cultura para a integración europea, incluíndo a literatura, o cine, as artes, a tradución e as políticas culturais da Unión Europea.