Pasar al contenido principal

Papiroflexia e enredos matemáticos na Praza de Abastos, propostas da exposición RSME-IMAGINARY para esta semana

No marco da exposición RSME-IMAGINARY-Santiago –que se pode visitar ata o 16 de maio na Igrexa da Universidade–, a Facultade de Matemáticas da USC, en colaboración coa Fundación Barrié, organiza para esta semana dúas actividades dirixidas aos máis pequenos da familia. Por unha banda, este xoves 18 ás 19.00 horas na Facultade de Xeografía e Historia terá lugar un obradoiro de papiroflexia. As responsables da actividade –as profesoras Teresa Otero, do IES Antonio Fraguas de Santiago; Covadonga Blanco, da Escola de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; e Teresa Amado, docente de grego na Facultade de Filoloxía– explican que a partir dos 7 e 8 anos os nenos e nenas xa poden entender este “apaixonante mundo dos ángulos, vértices e aristas”. Ademais, o sábado 20 a partir das 12.00 horas no Mercado de Abastos comezará unha orixinal actividade lúdica para toda a familia na que, da man do director de Efervesciencia da Radio Galega, Manuel Vicente, pequenos e grandes resolverán divertidos enredos e coñecerán ó útil do coñecemento matemático na vida cotiá. Haberá tamén algunha que outra sorpresa nun evento no que tamén participa o neurocientífico e divulgador Casto Rivadulla.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2013.