Pasar al contenido principal

A USC sensibiliza sobre o emprendemento feminino coa mostra ‘Con nome de muller’, aberta en Veterinaria

Carmen Varela, Germán Santamarina, Benita Silva, Pedro García Herradón e Eva López, na inauguración da mostra
Carmen Varela, Germán Santamarina, Benita Silva, Pedro García Herradón e Eva López, na inauguración da mostra
A exposición, inaugurada polos vicerreitores Benita Silva e Pedro García Herradón, permanecerá en Veterinaria ata o 4 de xuño para logo rotar polos centros de campus

A Universidade de Santiago de Compostela busca sensibilizar sobre o emprendemento feminino e recoñecer os adiantos e logros que distintas mulleres acadaron nas épocas nas que lles tocou vivir a través da mostra ‘Con nome de muller’, unha iniciativa do programa de apoio ao emprendemento feminino da Universidade de Santiago de Compostela, Woman Emprende, que permanecerá aberta ao público na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo ata o vindeiro 4 de xuño para logo rotar por outros centros do campus e a través da que se pretende achegar ás/aos estudantes e ao público en xeral experiencias concretas de emprendemento feitas por mulleres.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo, o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina; a vicexerenta do campus de Lugo, Carmen Varela, e a directora do programa Woman Emprende da USC, Eva López, inauguraron hoxe na Facultade de Veterinaria un singular proxecto cultural. ‘Con nome de muller’ chega ao campus de Lugo desde Vigo e logo de permanecer aberta ao público no claustro do compostelán Colexio de Fonseca, desde donde xirou por diversos concellos galegos. Os promotores desta iniciativa xerminada na Universidade de Santiago de Compostela, pero aberta a toda a sociedade, buscan traer de novo á memoria episodios do pasado que, con frecuencia, tenden a esquecerse, ademais de poñer especialmente en valor poñer en valor a figura e os logros acadados por tantas e tantas mulleres. O legado destas emprendedoras aínda hoxe serve para transmitir á mocidade a necesidade de ter sempre unha actitude positiva e proactiva ante a vida. A bo seguro poucas persoas saiban que a máquina para lavar pratos, os cueiros impermeables e con broches adhesivos, as toalliñas desmaquilladoras, o fío dental precurtado, a mesa de decantamento de champañas, o líquido corrector mecanográfico ou as PDAs actuais sexan inventos de mulleres. Tampouco é ben coñecido que a finais do XIX houbo unha candidata á presidencia dos Estados Unidos que fundou a súa propia axencia de bolsa, que tamén era muller a segunda persoa en sobrevoar en solitario o Atlántico ou que no campo de batalla da Guerra Civil española unha cámara fotográfica atrapaba con ollos de muller imaxes desgarradoras, relatou a vicerreitora de Calidade e Responsabilidade Social da USC, Benita Silva Hermo, na presentación en Lugo desta mostra monográfica. Son todas mulleres emprendedoras, coñecidas e non tanto, que contribuíron de maneira global ao benestar, riqueza e futuro da sociedade e a quen lles pon nome hoxe o programa Woman Emprende da USC no campus de Lugo, engadiu a vicerreitora, para logo destacar na “progresiva feminización experimentada nos últimos anos pola propia Universidade de Santiago”. Silva Hermo lembrou asemade que este proxecto, así como o programa Woman Emprende, foron concebidos no seu momento para promover o emprendemento feminino na USC, un obxectivo, que, segundo dixo, xa se puido visualizar o pasado ano, o primeiro que a institución académica compostelá contabilizou máis proxectos e iniciativas emprendedoras promovidas por mulleres que as propostas por homes, dixo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, incidiu tamén na crecente presenza de mulleres nas aulas dos distintos centros da USC. Así, logo de agradecer os esforzos para que esta mostra poida verse no campus de Lugo, García Herradón comentou que todas as titulacións do campus de Lugo teñen inscritas máis mulleres que homes, agás no caso das enxeñarías impartidas na Escola Politécnica de Lugo. O decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, salientou neste mesmo senso a inversión experimentado no perfil do alumnado desta titulación no último cuarto de século, no que a porcentaxe de mulleres matriculadas pasou do 29% en 1995 a preto dun 70% na actualidade”. Concurso de proxectos empresariais innovadores A directora do programa Woman Emprende, Eva López, lembrou na apertura da mostra ‘Con nome de muller’ no campus de Lugo, que a USC matiña aberto o prazo de presentación de traballos para o XIII Concurso de proxectos empresariais innovadores, que pechará a admisión de propostas no mes de maio.

Eva López sinalou que este programa dirixido a fomentar o emprendemento entre a comunidade universitaria e cuxa inscrición se pode facer a través da web www.uniemprende.es, repartirá tres premios cunha dotación en metálico de 2.000 euros cada un. Un dos premios recoñecerá o mellor proxecto empresarial de base tecnolóxica, outro galardón recaerá na mellor proposta de empresa xove, mentres que o terceiro outorgarase a un proxecto de emprendemento feminino, dixo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.04.2013.