Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación afonda na docencia para fomentar a vocación polas enxeñarías entre alumnado feminino

A profesora María Pilar Jiménez Aleixandre xunto aos profesores Cunningham e Kelly e ao alumnado do curso
A profesora María Pilar Jiménez Aleixandre xunto aos profesores Cunningham e Kelly e ao alumnado do curso
Os profesores da Universidade de Pensilvania Gregory Kelly e Christine Cunningham veñen de impartir obradoiros sobre como fomentar o interese en carreiras STEM

A Facultade de Ciencias da Educación da USC vén de recibir aos profesores de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Pensilvania Gregory Kelly e Christine Cunningham, os cales impartiron cadanseu obradoiro destinado a fomentar a vocación do alumnado feminino polas titulacións STEM.

O grupo de referencia competitiva da USC Roda, centrado no desenvolvemento de competencias para promover unha educación interdisciplinar, convidou a estes docentes para traballar coa profesora María Pilar Jiménez Aleixandre na área de Didáctica das Ciencias Experimentais. Cunningham impartiu o taller ‘Equidade na enxeñaría: deseñando experiencias para todo o alumnado’, mentres que Kelly conduciu o obradoiro que leva por título ‘ Consideracións metodolóxicas para a investigación de prácticas epistémicas no ensino das ciencias e a enxeñaría’.

Ambos os dous investigadores son pioneiros no ensino e a aprendizaxe da enxeñaría. En concreto, Christine Cunningham creou e dirixiu durante vinte anos o proxecto pioneiro ‘A Enxeñaría é elemental’ no Museo de Ciencias de Boston, dirixido a alumnado de infantil, primaria e primeiros cursos de secundaria. O obxectivo desta actividade era promover a inclusión de nenas e alumnado desfavorecido, nomeadamente, afroamericano e latinoamericano.

Neste tempo catorce millóns de nenas e nenos e 172.000 profesoras e profesores participaron neste proxecto no que o alumnado deseña e fabrica maquetas de pontes, paracaídas, ou fornos solares, entre outros exemplos. Esta galardoada profesora tamén dirixiu o primeiro estudo lonxitudinal de gran escala sobre os factores que apoian ás mulleres a seguir estudos de enxeñaría. Pola súa parte, Gregory Kelly é un destacado investigador sobre as prácticas científicas e a aprendizaxe das ciencias.

Distintos estudos en Europa e outros países abordan a baixa participación das mulleres nas carreiras STEM. En España, segundo un estudo do Instituto da Muller, a inclusión do alumnado feminino en titulacións de Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura é do 30% en conxunto. Nas Enxeñarías, o número redúcese ao 15%, mentres que en Estados Unidos non chegan ao 14%.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.12.2019.