Pasar al contenido principal

Medicina profundará na relación entre as distintas especialidades e a investigación

Baixo o título ‘Medicina do século XXI’ a Asociación de Estudantes da Facultade de Medicina da USC ME.I.GA (Medicina Intercambios Galicia) desenvolverá a vindeira semana, entre os días 22 e 24 de abril, un curso no que se tratará o futuro das distintas especialidades médicas e a súa relación coa investigación.

O curso, titorado polo profesor Manuel Freire Garabal, ten como obxectivo achegar ao alumnado os avances que se agardan en Medicina nun futuro próximo, ademais de falar de novas tendencias en investigación e estudos que se están levando a cabo no Complexo Hospitalario de Santiago. As máis de 120 persoas inscritas asistirán a 11 relatorios a cargo de doutores de 11 especialidades distintas (Investigación, Xenética, Medicina interna, Patoloxía dixestiva, Neuroloxía, Neurocirurxía, Anestesia, Cardioloxía, Pediatría, Anatomía Patolóxica e Farmacoterapia). Entre eles, destaca a participación dos recoñecidos investigadores Ángel Carracedo, Miguel López Pérez, Arturo González Quintela, Julián Álvarez Escudero, José Ramón González Juanatey e José María Martinón Sánchez, entre outros. O curso inaugurarase na Aula Magna do Edificio Novoa Santos o luns 22 ás 15.45 horas nun acto no que participarán o xerente do CHUS, Luis Verde, e no que Miguel López falará dos retos na investigación en obesidade no século XXI e Ángel Carracedo sobre o futuro da medicina xenómica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.04.2013.