As mellores obras presentadas ao concurso InvestigArte poderanse visitar nunha mostra
As 30 mellores obras presentadas ao concurso InvestigArte conforman a mostra ‘InvestigArte, a exposición dos científicos do hoxe e do mañá’, unha iniciativa na que se conxugan a ciencia e a creatividade a través da mirada de investigadores profesionais e alumnos. O acto inaugural da mostra celebrarase este mércores 24 a partir das 18.30 horas na sede da Fundación Barrié na Coruña. Deseguido, a partir das 19.00 horas na mesma sesión, entregaranse os premios ás mellores imaxes. Intervirán o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González; o director xeral da Fundación Barrié, Javier López; e a directora xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública do Sergas, Sonia Martínez Arca. InvestigArte é un concurso de arte visual científico e tecnolóxico que se dirixía a grupos de investigación e alumnado de ESO, Bacharelato e Formación profesional. A iniciativa nace en 2012 ideado por un grupo de investigadores apaixonados pola fotografía e a súa utilidade para explicar ás novas xeracións e á sociedade en xeral, as innovacións científicas e tecnolóxicas asociadas aos seus proxectos científicos. O concurso estaba organizado por educaBarrié (o espazo de encontro e intercambio de coñecemento dirixido á comunidade educativa da Fundación Barrié), Campus Vida (o Campus de Excelencia Internacional da Universidade de Santiago de Compostela), o Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS); e a Fundación Ramón Domínguez. O seu obxectivo principal é acercar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade, a través dun concurso que pretende activar a visión artística e creativa arredor da ciencia.