Pasar al contenido principal

A compañía de teatro USC-Lugo representará este xoves a montaxe ‘Animaliños’ na Miteu de Ourense

A compañía de teatro universitario USC-Lugo presentará este xoves en Ourense a súa última montaxe, ‘Animaliños’, no marco da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), na que o elenco de novos actores da formación luguesa porá en escena unha adaptación da obra de Roberto Vidal Bolaño feita por Paloma Lugilde.

A compañía de teatro USC-Lugo presentará en Ourense a súa última produción, logo de estreala no Festival de Teatro Universitario de Lugo e despois de xirala xa por outras cidades galegas, como Vigo e A Coruña. A Miteu de Ourense antóllase pois como a máis inmediata das representacións programadas pola compañía de teatro USC-Lugo, que o vindeiro 5 de maio volverá representar esta peza teatral en Santiago de Compostela. A directora da compañía teatral USC-Lugo, Paloma Lugilde, salientou que a cita ourensá trae moi bos recordos para o grupo, dado que a formación luguesa acadou na pasada edición o premio Carlos Couceiro/Begoña Muñoz, outorgado polo xurado da mostra á obra ‘In yer face/Na túa cara’. A participación da compañía luguesa nesta nova edición da Miteu de Ourense estará reforzada pola participación do Grupo de Intervención, que fará unha actuación na Rúa do Ferro, a partir das 20.00 horas. A compañía de teatro USC Lugo representará, a partir das 23.00 horas, no auditorio municipal de Ourense, a obra ‘Animaliños’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.04.2013.