O pasado marzo foi un dos máis chuviosos dos últimos cincuenta anos
O pasado mes de marzo foi un dos máis chuviosos en Santiago de Compostela dos últimos cincuenta anos, de acordo cos datos obtidos co pluviómetro manual –o máis preciso– da estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Os datos falan dos últimos 50 anos, o período revisado polo Observatorio, que advirte que curiosamente en 1997 non chovera en marzo en Santiago, salvo dous días con precipitación inapreciable (menos de 0,1 litros/m2). En total medíronse 404,9 litros/m2 en 28 xornadas con precipitación. O día mais chuvioso foi o 29 con 35,7 l/m2, mentres que o menos foi o 14 con só 0,3 l/m2. Porén, houbo outros meses de marzo aínda máis chuviosos en Compostela e non moi lonxanos. Así, en 2006 caeran 477,2 l/m2 (en 27 días) e no mesmo mes de 2001 618,2 l/m2 (en 30 días). Último semestre Atendendo o período de seis meses entre outubro e marzo, o máis chuvioso dos últimos anos foi o correspondente a 2000-2001, con 2.892,5 litros/m2 (142 días de choiva). Pola contra, no mesmo período de 2012-2013 choveu bastante menos (1.942 l/m2) pero en máis xornadas, 147, o que constitúe en si mesmo un récord en xornadas de choiva nese semestre nos últimos 50 anos, como explica o director do Observatorio universitario, José Ángel Docobo Durántez.