Pasar al contenido principal

O Consorcio Europeo de Lipodistrofias presentouse oficialmente en Compostela

De esquerda a dereita, Carlos Diéguez, Luis Verde, Juan Casares, José Castillo e David Araujo. Foto: Alfonso-Servimav USC
De esquerda a dereita, Carlos Diéguez, Luis Verde, Juan Casares, José Castillo e David Araujo. Foto: Alfonso-Servimav USC
A presentación oficial en España desta rede que conforman 40 grupos de 14 países celebrouse no Pavillón Docente Novoa Santos

Preto de 40 grupos de investigación de 14 países da Unión Europea e da Federación Rusa conforman o Consorcio Europeo de Lipodistrofias (European Consortium of Lipodystrophies-ECLip) que este martes 2 se presentou oficialmente en España. A presentación, que coincide co Día Mundial das Lipodistrofias, celebrouse na Aula Magna José Varela de Montes do Pavillón Docente Novoa Santos coa participación do reitor Juan Casares Long; do xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde; do director do CIMUS da USC, Carlos Diéguez; do director do IDIS, José Castillo; do presidente da Federación Española de Enfermidades Raras, Juan Carrión; e da presidenta da Asociación Española de Lipodistrofias, Naca Pérez; e do coordinador de ECLip, o profesor da USC David Araújo-Vilar. Na rede teñen cabida grupos de investigación que estudan as particularidades das lipodistrofias no eido clínico e básico, entre eles a Unidade de Enfermidades Tiroideas e Metabólicas da USC. Excluíndo a SIDA, as lipodristrofias son un conxunto de enfermidades do tecido adiposo de moi baixa prevalencia. Como se explicou na presentación, aínda que a característica clínica máis salientable desta doenza é a perda, total ou parcial, de tecido adiposo, nestas doenzas adoitan aparecer diabetes mellitus, dislipemia e fígado graxo. Por outra banda, algúns subtipos de lipodistrofias, moi raros, son especialmente graves xa que levan a un proceso de avellentamento prematuro. Como explicou no acto o profesor Araújo-Vilar, o Consorcio xunta a experiencia, coñecementos e capacidades dos máis salientables equipos europeos de investigación na materia. A súa misión máis inmediata será establecer un rexistro europeo de doentes con lipodistrofia e deseñar un guieiro clínico e terapéutico destes procesos. Ademais de traballar na busca de novos xenes candidatos susceptibles de atoparse implicados na enfermidade, o Consorcio marcará as liñas mestras de actuación na investigación patoxenética e fisiopatolóxica, ademais de promover a creación de unidades de referencia clínica en cada un dos estados membros e o intercambio de investigadores entre os distintos laboratorios e unidades clínicas. Outra finalidade será fomentar a creación de asociacións de doentes, mantendo un forte vencellamento con eles. Logo da presentación do consorcio, o profesor da Universidade de Cambridge David B. Savage ofreceu a conferencia ‘ Lipodistrofia: os perigos da vida sen graxa’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.04.2013.