A xornada ‘UniversoCoop’, de difusión do cooperativismo, reúne preto de 250 estudantes na Facultade de ADE
A xornada ‘UniversoCoop’ de difusión de cooperativismo entre o público universitario, congregrou este venres na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo preto de 250 estudantes, na súa maioría matriculados/as nos graos en Administración e Dirección de Empresas e Relacións Laborais e Recursos Humanos.
Esta xornada de carácter formativo e de divulgación das potencialidades das cooperativas como fórmulas de emprendemento está incluída no programa de actos promovidos pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, en colaboración coa USC, no marco Semana do Cooperativismo no campus de Lugo. Co gallo desta celebración, que se prolonga desde o pasado luns ata este venres, día 22 de novembro, a Facultade de ADE acolleu diversos obradoiros, exposicións e sesións informativas, a través das que se busca achegar a comunidade universitaria á economía social. A relatora Teresa Rivas, da Rede Eusmo, foi a encargada de abrir a quenda de intervencións na xornada ‘UniversoCoop’ e fíxoo cunha charla na que explicou algunhas das claves que diferencian as cooperativas do resto de fórmulas empresariais. , a cargo de Teresa Rivas, da Rede Eusumo. A sesión continuou cunha táboa redonda, moderada por Manuel Botana, catedrático de Dereito Mercantil da USC, e na que outros tres profesores de Dereito Mercantil e Financeiro abordaron cuestións relativas ás singularidades do modelo cooperativo respecto da súa fiscalidade, contabilidade e mesmo da xestión económica. Un percorrido guiado pola mostra ‘Descubre as cooperativas’, que permanecerá aberta ata o venres 22 de novembro; un relatorio sobre os pasos a seguir para constituír unha cooperativa e outra sesión na que os asistentes poderán escoitar os testemuños de experiencias cooperativas formadas por ex estudantes universitarios, completan o programa dunha xornada desenvolvida desde as 9.30 ata as 14.00 horas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
O subdirector Xeral de Cooperativas e Economía Social da USC, Xoán Miguel Concheiro, pechou a quenda de relatorios cunha exposición sobre a Rede Eusumo, á que recentemente formalizou a súa adhesión a USC, o cooperativismo e a economía social. Ao remate do seu relatorio, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, pechou a xornada no transcurso dun acto no que tamén participaron o propio Concheiro e a decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, Begoña Barreiro.
Asisentes a xornada 'UniversoCoop', celebrada na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo