Pasar al contenido principal

As Xornadas CPAN entregarán este mércores os premios do seu Concurso de Divulgación Científica

A entrega dos premios da cuarta edición do Concurso de Divulgación Científica do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) pechará o programa das quintas xornadas que este centro celebra en Santiago ao longo de tres días. O concurso está convocado polo proxecto Consolider-Ingenio 2010 CPAN en colaboración coa Fundación Xeral CSIC e recoñece traballos de divulgación sobre as áreas de investigación que abarcan os grupos do CPAN en cinco categorías: artigos de divulgación; webs ou blogs; vídeos; experimentos, demostracións ou aplicacións móbiles; e traballos publicados en medios de comunicación. Os/as gañadores/as daranse a coñecer no propio acto de entrega dos galardóns, nunha sesión que comezará as 12.45 horas no Hotel Araguaney de Santiago. A seleccións de propostas gañadoras realizouse en base ao rigor e calidade dos conceptos utilizados, a orixinalidade e interese do tema e o formato, así como a capacidade de difusión para o público xeral. Deste xeito, o certame pretende estimular e recoñecer a produción de material divulgativo dirixido ao público xeral, así como aos estudantes de educación secundaria e universitarios en particular, sobre os principios, avances científicos e tecnolóxicos e os beneficios da Física de Partículas, Física de Astropartículas e Física Nuclear. Inmediatamente despois do acto de entrega, a partir das 13.15 horas, o físico experimental do CERN, Peter Jenni, ofrecerá a derradeira conferencia plenaria do encontro. Jenni foi líder do maior experimento do LHC, ATLAS, durante a súa construción, dende mediados dos noventa ata 2009. Participou nos descubrimentos dos bosóns W e Z no anterior acelerador do CERN, que supuxo tamén o Nobel de Física para Carlo Rubbia e Simon van der Meer. As xornadas do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear (CPAN) celébranse esta semana por vez primeira en Galicia. Douscentos expertos danse cita dende este luns 25 e ata o mércores 27 para abordar os retos do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) a partir do seu reinicio en 2015, para analizar os últimos avances en física nuclear ou para tratar a próximo elección da sede do observatorio de raios gamma CTA, onde España propón candidatura, entre outros asuntos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2013.