Pasar al contenido principal

De Abel Vilela diserta este mércores na Casa do Saber sobre o bispo frei Pedro López de Aguiar e a cidade de Lugo no século XIV

O relatorio do historiador lugués e profesor do IV Ciclo da USC comezará ás 20.00 horas e a entrada será de gratuíta para todas as persoas interesadas

O historiador lugués e profesor do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo, Adolfo de Abel Vilela, ofrecerá este mércores, día 27 de novembro, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, o relatorio ‘A cidade de Lugo no século XIV. O bispo frei Pedro López de Aguiar’. A análise do Lugo nos tempos de María Castaña será o eixe temático do relatorio de Adolfo de Abel Vilela, unha intervención que se encadra no ciclo ‘Que foi, como aconteceu’, organizado pola Asociación IV Ciclo Universitario da USC do campus de Lugo co obxecto de satisfacer algunhas das inquedanzas mostradas por este colectivo de universitarios sénior. A repetida alternancia do poder eclesiástico e do civil na baixa Idade Media, período histórico no que os bispos asumen as funcións antes propias dos gobernadores romanos, exercen a potestade relixiosa e política por acordo entre o papa e El Rei e convértense en auténticos señores da cidade, cun poder maior que o dos señores civís por mor das prerrogativas eclesiásticas, centrará a primeira parte do relatorio. De Abel Vilela tamén fará fincapé no feito de que os postos eclesiásticos de importancia están monopolizados polas familias da aristocracia feudal, que logran así aumentar a súa influencia política e o seu poder económico.

No caso de Lugo, a maior parte dos bispos son chegados de fóra, especialmente a partir de 1319, cando son nomeados polo papa. Fronte a esta tendencia xeneralizada, De Abel Vilela destacará a figura de frei Pedro López de Aguiar (1349-1390), un lucense nado na Praza do Campo e pertencente a unha familia de comerciantes ricos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2013.