Pasar al contenido principal

Descobren os excelentes resultados dunha proteína fronte á meninxite B

A investigadora Liliana Costoya acadou a máxima cualificación pola súa tese doutoral
A investigadora Liliana Costoya acadou a máxima cualificación pola súa tese doutoral

Co emprego de técnicas altamente sofisticadas, o grupo de investigación da USC ‘Estudos moleculares e desenvolvemento de vacinas contra a meninxite meningococica’ do departamento de Microbioloxía e parasitoloxía detectou que a proteína denominada MIP mostra uns excelentes resultados para ser empregada nunha vacina contra a meninxite de tipo B, principal causante da meninxite bacteriana en Europa e Norteamérica. Precisamente foi esta a liña de traballo na que profundou a investigadora Liliana Costoya durante o seu doutoramento e que derivou na tese titulada ‘La proteína MIP de Neisseria meningitidis: Un candidato vacunal prometedor contra la meningitis menincócica’ que este venres pasado acadou a máxima cualificación. No grupo de traballo estudan as características antixenicas de diversos complexos proteicos da membrana externa da bacteria co fin de ser avaliados como compoñentes dunha vacina “inexistente ata agora cunha formulación definitiva e de ampla cobertura para esta enfermidade”, explica Costoya. Logo de múltiples análises, e unha vez renaturalizada en liposomas, a MIP mostrou uns excelentes resultados en diversos indicadores de protección cuns títulos de actividade bactericida moi elevados. De aí que a investigadora suxira na súa investigación que esa proteína “debe ser considerada para empregala como unha compoñente das vacinas de nova xeración contra a meninxite producida polo serogrupo B de Neisseria meningitidis”. Dirixida pola catedrática da USC Teresa Criado Álvarez e o doutor Juan Marzoa Fandiño, o traballo avaliouno un tribunal presidido polo profesor da USC Carlos Ferreirós Domínguez e composto ademais por Fernanda Romarís Martínez, Concepción Herrero López, Ángeles Cid Blanco e Cristina Madrid Xufré.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.11.2013.