Pasar al contenido principal

O Persoal de Administración e Servizos laboral fixo poderá acollerse a un acordo de xubilación parcial anticipada

Permitirá a substitución gradual de persoas cunha idade igual ou superior a 61 anos por novos traballadores

A Xerencia da USC e os sindicatos con representación no Comité Intercentros do PAS acaban de asinar un acordo para o acceso á xubilación parcial anticipada do Persoal de Administración e Servizos laboral fixo da Universidade de Santiago. O acordo desenvolve o compromiso recollido no artigo 85 do convenio colectivo vixente e permitirá a substitución gradual das persoas cunha idade igual ou superior aos 61 anos por novos/as traballadores/as que se incorporen ao mercado de traballo. Xerencia e sindicatos coinciden en sinalar que a medida contribúe ao rexuvenecemento do cadro de persoal e á redución da taxa de desemprego. O persoal que solicite a xubilación parcial anticipada deberá ter unha idade mínima de 61 anos e 30 anos de cotización efectiva, ademais de que, como mínimo, deberán ter prestado servizos á empresa nos 6 anos anteriores á data de xubilación. Segundo o acordo, o persoal que se acolla a esta medida verá reducida a súa xornada laboral nun 75%, realizando o 25% restante ben de xeito diario ou concentrado, cada ano natural, nun período determinado segundo as necesidades de organización do servizo onde preste ou vaia prestar servizos. A Universidade celebrará en paralelo ao contrato a tempo parcial do persoal xubilado outro contrato de relevo para cubrir o 75% da xornada deixada vacante. As persoas contratadas como relevistas deberán atoparse en situación de desemprego ou contratados pola empresa por duración determinada. Este contrato realizarase por un período igual ao tempo que lle falte ao/á traballador/a substituído/a para alcanzar a idade ordinaria de xubilación. A persoa contratada por relevo destinarase ao mesmo posto ou a un no que desempeñe as tarefas correspondentes ao mesmo grupo profesional ou categoría equivalente cunha correspondencia entre as bases de cotización de ambos. O acordo será de aplicación e estará vixente para aqueles/as traballadores/as que reúnan os requisitos fixados ata o 31 de decembro de 2018.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.04.2013.