Pasar al contenido principal

A exposición ‘Enclave diversa’ dá voz aos coleccionistas

Comeza un ciclo de conferencias arredor da experiencia dos coleccionistas que participan na mostra proxectada por campUSCulturae

A exposición ‘Enclave diversa. Coleccionado mundos de ficción’, sobre coleccionismo cultural e os distintos enfoques e motivacións que teñen as persoas que coleccionan, engade esta semana unha novo apartado á súa programación de actividades coa celebración dun ciclo de conferencias e obradoiros que servirá de altofalante á experiencia dos coleccionistas. A primeira das citas será este mércores 6 coa intervención de Fátima García Doval profesora e coleccionista da sección de Enclave Diversa dedicada ás marabillas do mundo de Alicia. A partir das 18.30 horas na Sala de Xuntas do Colexio de Fonseca intervirá cun relatorio titulado ‘Coleccionado Alicias’. Para a vindeira semana, o mércores 13, será a quenda de ‘O Principiño e Carlos Casares’, o que dará paso o mércores 20 aos pop-ups e libros despregables, para rematar o mércores 27 coa sesión dedicada a Tintín. O proxecto europeo campUSCulturae organiza este ciclo e a mostra, na que se inclúen as coleccións ‘Ortega-Gutiérrez Baños’ de libros despregables; ‘O Principiño’, mundos e modos; Tintín, a evolución da personaxe a través do texto e do contexto de Hergé; e a dedicada ás marabillas do mundo de Alicia. A iniciativa parte da idea de que os obxectos culturais son significativos e importantes, no ámbito particular, principalmente polas historias que os constrúen e polas asociacións que se establecen entre o coleccionista e o obxecto. Neste senso, ‘Enclave diversa’ presenta catro propostas nas que os libros e a literatura supoñen os puntais da mostra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.11.2013.